A MAÑÁ DO 27 DE XUÑO amañeceu clara e asollada, coa
refrescante calor dun día de pleno verán; as flores abrocharan profusamente e a
herba tiña un verdor intenso. Os habitantes do lugar empezaron a se congregar
na praza, entre a oficina de correos e o banco, ao redor das dez da mañá;
nalgunhas vilas había tanta xente que a lotería duraba dous días e tiña que
comezar o día 26, pero naquela pequena poboación de apenas trescentas persoas,
todo o proceso ocupaba un par de horas, de xeito que podía comezar ás dez da
mañá e aínda ficaba tempo para os veciños volveren ás súas casas ao xantar.
Os nenos foron os primeiros en
achegarse, por suposto. A escola acaba de pechar para as vacacións de verán e a
sensación de liberdade producía axitación na maioría dos nenos; estes adoitaban
formar grupos silenciosos por un tempo antes de botárense a xogar co seu
barullo habitual. As súas conversas xiraban aínda sobre a clase e o profesor,
os libros e os castigos. Bobby Martin xa enchera os petos con pedras e os
outros rapaces seguiron o exemplo, seleccionando os seixos máis lisos e
redondos. Bobby, Harry Jones e Dickie Delacroix –os veciños pronunciaban
“Dellacroy”–acumularon finalmente unha gran morea de pedras nun recuncho da
praza e protexérono das incursións dos outros cativos. As rapazas mantivéronse
separadas, parolando entre elas, coa cabezas xiradas cara os nenos; mentres, os
pícaros máis noviños xogaban coa terra ou collían as mans dos seus irmáns ou
irmás maiores.
Axiña os homes comezaron a reunirse.
Falaban de cultivos e choivas, de tractores e de impostos, mentres vixiaban os
seus fillos. Formaron un grupo lonxe da morea de pedras do recuncho, e
chanceaban en voz baixa, provocando máis sorrisos ca risadas. As mulleres, con
vestidos de andar por casa e xerseis finos, chegaron pouco despois dos homes.
Saudáronse e intercambiaron precipitados chismes antes de acercarse aos
maridos. Logo, xunta a eles, puxéronse a chamar polos seus fillos, e os rapaces
regresaron, de mala gana, despois da cuarta ou quinta convocatoria.
PODES LER O CONTO COMPLETO NO SEGUINTE PDF (preme enriba).