Amosando publicacións coa etiqueta poesía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta poesía. Amosar todas as publicacións

18/01/24

Dous poemas de Fadwa Tuqan

Fadwa Tuqan (1917-2003)

Coñecida como a "Poeta de Palestina", pertenceu ao primeiro grupo de mulleres que no mundo árabe empezou a escribir poesía a mediados do século XX. Foi pioneira no uso do verso libre. Os seus primeiros poemas falaban da súa loita persoal como muller na sociedade árabe. A partir de 1967 coa ocupación dos territorios palestinos tras a Guerra dos Seis Días, a súa obra decantouse cara a unha poesía patriótica e de protesta social e volveu á versificación tradicional. A opresión que exercía o seu pana súa vida agora víase substituída por unha nova opresión política e militar, a ocupación sionista. O seu traballo foi recoñecido con diversos premios internacionais. O poeta nacional palestino Mahmoud Darwish, chamouna "a nai da poesía palestina". 



DORES DE PARTO

 

O vento arrastra pole pola noite 

sobre as ruínas das casas e campos. 

A terra treme de amor, 

coa dor de parir, 

pero o verdugo quere 

que creamos historias 

      de rendición

      e submisión.

  

Oh, aurora nosa! 

Cóntalle ao usurpador

como son os tremores do parto, 

a dor do corpo da nai, 

como a terra chea de cicatrices 

estrea vida no intre do albor, 

como a rosa florece

      no sangue 

      das feridas.

 

--------------------------------

 

SÓ QUERO ESTAR NO SEU SEO

Só quero morrer na miña terra, 

que me enterren nela, 

derreterme e esvaecerme

na súa fertilidade

para resucitar como herba

na miña terra, 

resucitar coma unha flor 

que un neno maior

desfolla no meu país. 

 

Só quero estar no corazón 

da miña terra

sendo terra, 

herba

ou flor.

 

A noite e os xenetes (1969).

 

--------------------------------


O seu rostro e un verso seu nun parque de Cisjordania.
 

12/11/23

Rubaiyat

O día que pasou? Esquéceo!

O día que non chegou? Non o temas!

Amigo! Non tortures o teu corazón 
na espera do día que está por nacer,

non queiras vivir o que está por acontecer

e non laies polo día que xa se foi.

 

OMAR KHAYAM. Rubaiyat.

14/06/23

POEMA ANTIGO IX

Zhuang Zhou soñou que era unha bolboreta

bolboreta era Zhuang Zhou. 

Se un  corpo se transmuta,

todas as cousas son cambiantes.

Sábese que o mar de Penglai 

algunha vez foi claro arroio

meloeiro de Qingmen antes 

foi marqués de Dongling

Así son riquezas e honras.

Detrás de que nos afanamos?


Li Po

Ante o espello

Mide mil varas o meu cabelo cano

e as miñas tristezas miden outro tanto.

Mírome no espello cristalino,

e non me explico por que ten carazo.


LI BAI (LI PO)

22/12/21

PASATEMPO

Cando eramos meniños
os vellos tiñan sobre trinta
unha pucharca era un océano
a morte simplemente

non existía.


Logo cando rapaces
os vellos eran xente de corenta
un estanque era un océano
a morte soamente
unha palabra.


Xa cando casamos
os anciáns estaban nos cincuenta
un lago era un océano
a morte era a morte
dos outros.


Agora veteranos
xa lle demos alcance á verdade
o océano é por fin o océano
pero a morte empeza a ser
a nosa.

05/12/21

Tres poemas de Juana de Ibarbourou

Juana de Ibarbourou (1892-1969), coñecida como Juana de América, foi unha poeta uruguaia que chegou vender máis libros que Gardel discos. Transgresora en moitos aspectos, Juana estivo moi influída pola obra de Rosalía de Castro. Ela mesma contou que espertou a súa vocación poética cando oía os versos da nosa escritora, que, de memoria, lle recitaba o seu pai, Vicente Fernández, un emigrante galego, muiñeiro de Lourenzá. Recoñecida e galadoada como poeta, tivo, porén, unha mala vida:  sufriu violencia machista (do marido e do fillo) e acabou adicta á morfina. Deostada por uns e idolatrada por outros, Juana tiña, coa súa linguaxe sinxela e natural, un talento lírico indiscutible.

Adaptamos ao galego tres poemas da poeta uruguaia: en “Muller” lamenta a falta de liberdade das mulleres, que, pola contra, si gozan os homes; no segundo, “Lamentación” do libro “Las lenguas del diamante” (1919), escrito con 22 anos, desexa a morte para rematar coa dor que lle causa un amor perdido; en “Silencio”, vemos o rosaliano reclamo do mar como espazo de descanso da súa vida cansada.


MULLER

 

Se eu fose home, que enchente de lúa,
de sombra e silencio habíame dar!
Como, noite a noite, só deambularía
polos campos quietos e en fronte do mar!

 

Se eu fose home, que estraño, que tolo,
tenaz vagabundo que había de ser!
Amigo de todos os longos camiños
que incitan a ir lonxe para non volver!

 

Cando a min me acosan ansias andadeiras
que pena tan fonda dáme ser muller!

 


LAMENTACIÓN

 

Son enredadeira:
Bendita a machada que o meu tronco fira!

Son unha ametista:
louvado o lodo que o meu lume vista!

Lámpada votiva,
maldigo ao aceite que me ten viva.

Falena rosada,
soño nunha espiña, para ser cravada.

Rocha que desdeña o mel da froita,
pido, en cambio, o vaso cheo de cicuta.

Posto que perdín a luz do seu amor,
o ser que me deches, tómao, Señor!

Mutila a miña lingua que aínda por el dama.
Cega estes ollos que aínda buscan a súa chama.

Córtame estas mans covardes que imploran
e cérrame estes beizos que por el oran!

Converte en cinza,
estes pés que aínda buscan a ruta que el pisa.

Tapia os oídos,
que aínda o seu acento albiscan en cada ruído.

Ai, triste de min,
que luz e alegría co seu amor perdín!

 

Ai, triste de min,
que xa nunca, nunca serei o que fun! 

 


SILENCIO

 

O meu lar tan lonxe do mar.

A miña vida tan lenta e cansada.

Quen me dera deitarme a soñar

unha noite de lúa na praia!

 

Morder musgos vermellos e acedos

e dispor dunha fresca almofada

cun montón deses curvados seixos

que están puídos polo sal das augas.  

 

Dar o corpo aos ventos sen nome

baixo o arco do ceo profundo

e ser toda unha noite silencio

no burato ruidoso do mundo.

08/03/21

NACER HOME

ADELA ZAMUDIO (Cochabamba, 1854-1928) foi una escritora boliviana, pioneira do feminismo. Foi autora de ensaios literarios, pedagóxicos e políticos, así como novelista, contista, dramaturga e poeta de preocupación social e angustia filosófica. Como educadora, foi profesora e directora da primeira escola laica de Bolivia. Atacou o ensino relixioso, o crego corrupto, os costumes sociais, a hipocrisía... Defendeu o matrimonio civil e desenvolveu un significativo labor sociocultural en prol da emancipación da muller, desafiando a sociedade conservadora que a rodeaba, escandalizada coas súas ideas –daquela revolucionarias– na loita pola igualdade de sexos. En 1926 o presidente coroou en Cochabamba a Adela Zamudio, recoñecéndoa como a máis elevada expoñente da cultura en Bolivia. O 11 de outubro, data do seu nacemento, celébrase o Día da Muller Boliviana. 

“Nacer Home” reflicte a indignación de vivir baixo o sistema patriarcal. Denuncia a marxinación social, cultural e política que vivía a muller no século XIX. 

 

NACER HOME

Canto traballo ela pasa

por corrixir a torpeza

do seu home, e na casa,

(permitide que me asombre)

tan vaidoso coma inepto

segue sendo el o cabeza,

porque é home.

Se algunha versos escribe

 "De algún estes versos son, 

que ela só os subscribe”;

(permitide que me asombre)

Se ese algún non é poeta,

por que tal suposición?

 Porque é home.

Unha muller superior

nas eleccións non vota,

e vota o canalla peor;

(permitide que me asombre)

con só saber asinar

pode votar un idiota,

porque é home.

El abátese e bebe ou xoga

nun revés da súa sorte;

ela sofre, loita e roga;

ela chámase “ser débil”,

el apelídase “ser forte”

porque é home.

Ela debe perdoar

ao seu home se lle é infiel;

mais, el pódese vingar;

(permitide que me asombre)

pois nun caso semellante

até pode el matar,

porque é home.

Oh, mortal!

Oh mortal privilexiado,

que de perfecto e cabal

gozas seguro renome!

Para iso, que lle abasta?

Nacer home.

20/05/19

Vista do crepúsculo, na fin do século

Está envelenada a terra que nos enterra ou desterra. 
Xa no hai aire, senón desaire. 
Xa no hai choiva, senón choiva ácida.
Xa no hai parques, senón parkings. 
Xa no hai sociedades, senón sociedades anónimas. 
Empresas en lugar de nacións. 
Consumidores en lugar de cidadáns. 
Aglomeracións en lugar de cidades. 
Non hai persoas, senón públicos. 
No hai realidades, senón publicidades. 
No hai visións, senón televisións. 
Para eloxiar unha flor dise: «Semella de plástico»

EDUARDO GALEANO. Patas arriba
Chorima en Montefaro (Mugardos). Foto: E. Roiz.

23/04/19

POEMA DOS DONS (fragmento)

Ninguén rebaixe a lágrima ou reproche
esta declaración da gran mestría
de Deus, que con magnífica ironía
deume ao mesmo tempo os libros e a noite.

Da cidade de libros fixo donos
a uns ollos sen luz, e que só poden
adiviñar nas bibliotecas dos soños
insensatos parágrafos que ceden

ás albas á súa arela. En van o día
lles prodiga os seus libros infinitos,
arduos coma os arduos manuscritos
que pereceron en Alexandría.

De fame e sede (narra unha historia grega)
morre un rei entre fontes e xardíns;
Eu fatigo sen rumbo os confíns
desta alta e fonda biblioteca cega.


Fragmento de Poema de los dones, poema escrito por Jorge Luis Borges en 1955, cando, ao pouco de ficar cego, foi nomeado Director da Biblioteca Nacional de Arxentina.


08/03/19

Versos para o Día da Muller

Imos celebrar o 8 de marzo con versos dunha moza indo-canadense, Rupi Kaur. 

 RUPI KAUR  é unha escritora nacida no Punjab (India) en 1992 e criada en Canadá. Superou na súa corta existencia máis traumas dos esperados: o desarraigo, o abuso sexual, o abandono do pai...

Con 21 anos,  autopublica o primeiro dos dous libros que leva escritos: Leite e mel (1914), con poemas breves, relatos en prosa e ilustracións propias. Non está traducido ao galego, pero si ao portugués (na editorial Lua de Papel).

Reivindicativa e audaz, triunfa nas redes sociais convertida en referente do feminismo e rodeada de polémica. Dúas fotografías que colgou en Instagram foron censuradas e eliminadas. A moza remove conciencias sobre diversos temas: o abuso, a discrimación, a muller, o amor e o desamor, a perda, o trauma, a migración, a revolución...


*******************************************************************************
*******************************************************************************




*******************************************************************************

13/03/18

EU


Eu,
remeira de barcas
rameira de homes
romeira de almas
rimeira de versos,
Ramona,
pra servilos.

GLORIA FUERTES

NACÍN PARA POETA OU PARA MORTO














Nacín para poeta ou para morto,
escollín o difícil
-sobrevivo de todos os naufraxios-,
e sigo cos meus versos,
viva e patexando.

Nacín para puta ou pallaso,
escollín o difícil
-facer rir aos clientes desafiuzados-,
e sigo cos meus trucos,
sacando unha pomba do refaixo.

Nacín para nada ou soldado,
e escollín o difícil
-non ser apenas nada no taboado-,
e sigo entre fusís e pistolas
sen manchar as mans. 

GLORIA FUERTES (1917-1998)

22/01/18

CLARO QUE DOE

Claro que cando rebentan os brotes doe
Por que, se non, dubidaría a primavera?
Por que toda a nosa ardente arela
está
unida á xeada e amarga néboa?
O abrocho estivo envolto todo o inverno.
Que acontece agora? Algo que se consume e estala?
Claro que cando rebentan os
brotes doe,
doe o que crece
e o que o constrinxe.

Claro que é duro o caer das gotas,
trementes de ansiedade, prendidas penduran
ás
pólas da árbore; inchan, esvaran,
o peso púxaas
cara abaixo... Como se aferran!
Magoa a incerteza, o medo a se escindir,
magoa sentir o abismo que atrae e chama por ti,
e, aínda así, permanecer e estremecer.
Magoa querer quedar 
e querer caer.

Entón, cando todo magoa e nada axuda
a que os brotes das árbores xubilosos rebenten,
entón, cando xa ningún medo as retén,
as gotas das pólas caen relucentes,
esquecen que polo novo estaban asustadas
esquecen que pola viaxe estaban angustiadas,
e, nun segundo, senten a suprema seguranza,
descansan na confianza 
que creou o mundo.


Karin Boye, escritora sueca (1900-1941).

Autobiografía


Gloria Fuertes naceu en Madrid
aos dous días de idade,
pois foi moi laborioso o parto da miña nai
que
se se descoida morre por vivirme.
Aos tres anos xa sabía
ler
e aos seis xa sabía os meus labores.
Eu era boa e delgada,
alta e algo enferma.
Aos nove anos pilloume un carro
e aos catorce pilloume a guerra;
Aos quince morreu
a miña nai,
foise cando máis falta me facía.
Aprendín a regatear nas tendas
e a ir aos pobos por cenorias.
Por entón empecei cos amores,
-non digo nomes-,
grazas a iso, puiden aturar
a miña mocidade de barrio.
Quixen ir á guerra, para parala,
pero detivéronme a metade do camiño.
Logo saíume unha oficina,
onde traballo coma se fose parva,
-pero Deus e o mensaxeiro saben que non o
son-
Escribo polas noites
e vou ao campo moito.
Todos os meus morreron hai anos
e estou máis soa que eu mesma.
Publiquei versos en todos os calendarios,
escribo nun xornal de nenos,
e quero mercar a prazos unha flor natural
como as que lle dan a
Pemán algunhas veces.

Gloria Fuertes. Obras Incompletas (1980)

16/11/17

Nubes

Oh, nubes que polos ceos eternamente errades!
Longo colar de perlas voando na estepa azul,
exiliadas coma min, correndo cara ao sur,
lonxe do amado norte que, coma min, deixades!

Que vos impele? Un veredicto do Destino?
Algún oculto segredo? Un mal que se coñece?
Talvez cargades cun crime que envilece?
ou, de amigos velenosos un torpe desatino?

Non. Fuxides cansas da irmá e estéril terra;
as tristezas e as paixóns sonvos estrañas.
Eternamente libres vagades nas frías entrañas,
e ignorarades, sen patria, a dor que o exilio encerra.

Mijaíl  Lérmontov, (1814-1841).

Lérmontov: Poeta e pintor romántico ruso, de Moscova. A hostilidade contra o seu entorno cultural, manifestada no poema “A morte do poeta”, motivado pola morte do seu idolatrado Pushkin, ocasionoulle un duro desterro ao Cáucaso. “Nubes” é un dos seus poemas máis íntimos. 

07/05/17

Renacemento

A primavera vén e cen riseiros pétalos nacen;
a primavera vai, e cen riseiros pétalos caen.
O meu ollos miran as cousas pasar;
a miña cabeza énchese de neboentas canas.
Mais cando a primavera pasa,
non todas as flores vas detrás dela.
Esta noite, diante da miña porta, 
floreceu unha póla de ameixeira.

MÃN GIAC (Vietnam,1052-1096)

06/05/17

O corpo

O corpo das persoas é coma o pestanexo dun lóstrego
que existe só para regresar á Nada,
coma un brote de primavera que murcha no outono.
Non invistas tempo pensando no proceso, pois non ten propósito;
Coma unhas pingas de orballo que pende na punta da herba,
así as nosas vidas aboian.


VAN HANH (Vietnam, morto en 1018)

09/12/13

Poema ao meu irmán branco

Querido irmán branco:

Cando eu nacín, era negro.
Cando crecín, era negro.
Cando me dá o sol, son negro.
Cando estou doente, son negro.
Cando morra, serei negro.

E mentres tanto, ti, home branco,
Cando naciches, eras rosado.
Cando creciches, fuches branco.
Cando che dá o sol, es vermello.
Cando sentes frío, es azul.
Cando sentes medo, es verde.
Cando estás doente, es amarelo.
Cando morras, serás gris.

Entón, de nós os dous,
quen é un home de cor?

Léopold Sédar Senghor.

17/02/13

Aparición urbana

Cabalo do Guernica de Picasso. O cabalo do 
poema "Aparición urbana" de Girondo morrera 
nun accidente de tráfico no medio da cidade.

Xurdiu debaixo da terra?
Desprendeuse do ceo?

Estaba entre os ruídos,
ferido,
malferido,
inmóbil,
en silencio,
fincado ante a tarde,
ante o inevitable,
as veas adheridas
ao espanto,
ao asfalto,
coas súas crinas caídas,
cos seus ollos de santo,
todo, todo espido,
case azul, de tan branco.

Falaban dun cabalo.
Eu creo que era un anxo.


Oliverio Girondo, "Persuasión de los días" (1942)


30/12/12

Lágrima de negra


Maruxa Mallo. Cabeza de Muller. 1946

Encontrei unha negra
que estaba a chorar
pedinlle unha lágrima
para a analizar.

Recollín a bágoa
con todo o coidado
nun tubo de ensaio
ben esterilizado.

Olleina dun lado
do outro e de fronte
tiña un ar de gota
moi transparente.

Mandei vir os ácidos
as bases e os sales
as drogas usadas
en situacións tales.

Ensaiei en frío
experimentei ao lume
e todas as veces
deume o que é costume:

Nin sinais de negro
nin vestixios de odio,
auga (case todo)
e cloruro de sodio.


António Gedeão