18/01/24

Dous poemas de Fadwa Tuqan

Fadwa Tuqan (1917-2003). Coñecida como a "Poeta de Palestina", pertenceu ao primeiro grupo de mulleres que no mundo árabe empezou a escribir poesía a mediados do século XX. Foi pioneira no uso do verso libre. Os seus primeiros poemas falaban da súa loita persoal como muller na sociedade árabe. A partir de 1967 coa ocupación dos territorios palestinos tras a Guerra dos Seis Días, a súa obra decantouse cara a unha poesía patriótica e de protesta social e voltou á versificaicón tradicional. A opresión que exercía o seu pai na súa vida agora víase substituída por unha nova opresión política e militar, a ocupación sionista. O seu traballo foi recoñecido con diversos premios internacionais. O poeta nacional palestino Mahmoud Darwish, chamouna "a nai da poesía palestina". 

 

DORES DE PARTO

 

O vento arrastra pole pola noite 

sobre as ruínas das casas e campos. 

A terra treme de amor, 

coa dor de parir, 

pero o verdugo quere 

que creamos historias 

      de rendición

      e submisión.

  

Oh, aurora nosa! 

Cóntalle ao usurpador

como son os tremores do parto, 

a dor do corpo da nai, 

como a terra chea de cicatrices 

estrea vida no intre do albor, 

como a rosa florece

      no sangue 

      das feridas.

 

--------------------------------

 

SÓ QUERO ESTAR NO SEU SEO

Só quero morrer na miña terra, 

que me enterren nela, 

derreterme e esvaecerme

na súa fertilidade

para resucitar como herba

na miña terra, 

resucitar coma unha flor 

que un neno maior

desfolla no meu país. 

 

Só quero estar no corazón 

da miña terra

sendo terra, 

herba

ou flor.

 

A noite e os xenetes (1969).

 

--------------------------------


O seu rostro e un verso seu nun parque de Cisjordania.