23/01/19

Xustificación

NOÉMIA DE SOUSA (1926-2002), poeta e
xornalista mozambicana comprometida cos
dereitos das mulleres e dos pobos africanos. 
As súas ideas anticoloniais levárona a sufrir
 persecución e exilio.



Se o noso canto negro é simultaneamente
apagado e ameazador como o mar
en noites de calma;
se a nosa voz é rouca e agreste
só abríndose en gritos de rebeldía;
se é ao mesmo tempo amarga e doce a nosa poesía
como zume de froitas silvestres;
se é encovado e profundo o noso ollar
rachándose impávido à luz do día;
se son deformes e gretados os nosos pés espalmados
de trillar camiños ingratos;
se a nosa alma se fechou para a alegría
e só dá hospedaxe ao
odio e á revolta
‒non nos culpes a nós, irmán que vés das rúas da cidade.
Que
se interpuxeron entre nós e o sol
grades feas de escravización,
grades negras e cerradas a impedirnos tostar
de verdadeira felicidade.

Mais, ai, irmán que ves o das rúas da cidade!
O noso firme sentido de
xustiza, a nosa indómita vontade a nacer
a nosa miseria común vestida de sacas rotas e inmundas,
a nosa propia escravitude
serán a calor e o mazarico que fundirán
para sempre as grosas columnas que nos lañaban a vida
enteira
e lle arrancaron todo o xeito doce e inexpresable de vida.

                                                        
 NOÉMIA DE SOUSA

22/01/19

O compoñedor de contos

Nella Marchesini, Father in the Study (1928)
Os que estragaban un conto bo ou escribían un cativo, enviábano a un compoñedor de contos. Este era un velliño calvo, de ollos moi vivos, que usaba uns anteollos pasados de moda, montados case na punta do nariz, e estaba detrás dun mostrador baixiño, cheo de poeirentos libros de contos de todas as idades e de todos os países.

A súa tenda tiña unha soa porta cara a rúa e el andaba sempre moi atarefado. Dos seus grandes libros tiraba inesgotablemente palabras belas e aínda frases enteiras, ou ben anacos de aventuras ou feitos prodixiosos que anotaba nun papel branco, e logo, con paciencia e amodo, ía engarzando eses materiais no conto roto. 

Cando remataba a compoñedura, líase o conto tan ben que semellaba outro.


Disto vivía o velliño e tiña que manter a súa muller, dez fillos ociosos, un can irlandés e dous gatos negros.

MARIANO SILVA Y ACEVES. De Campanitas de Plata (1925)

20/01/19

O albanel

Mestre de obra.— "Ollade eses bastións e eses contrafortes:
diríase que foron construídos para toda a eternidade".
SCHILLER, ”Guillerme Tell

O albanel Abraham Knupfer, co esparavel na man, nos ares do andamio, canta tan alto, ao ler os versos góticos da grande campá, que nivela cos seus pés a igrexa de trinta arcobotantes e a cidade das trinta igrexas.

Ve como as tarascas trousan auga desde as lousas ao abismo confuso das galerías; ve fiestras, pendentes, pináculos, torreóns, tellados e a madeirame, que a ala dentada e inmóbil dun falcón lixa cun punto gris.

Ve as fortificacións que se recortan en forma de estrela, a cidadela que se enfoncha como un pavo nun escudo de armas, os patios dos palacios onde o sol seca as fontes e os claustros dos mosteiros onde a sombra xira arredor das pilastras.

As tropas imperiais aloxáronse no arrabalde. Por alá, un cabaleiro tamborila. Abraham Knufer distingue o seu chapeu tricorne, cos seus cordóns de la vermella, a súa escarapela atravesada por un alamar e a súa cola atada cunha cinta.

Aínda ve algo máis, no parque engalanado con xigantescos ramallos, en extensos prados de esmeralda, uns soldados criban cos seus arcabuces un paxaro de madeira chantado na punta dun maio. 

E no serán, cando a nave harmoniosa da catedral adormece, deitada cos brazos en cruz, distingue desde a escada, no horizonte, una poboación incendiada por xentes de armas, flamexante como un cometa no firmamento.

ALOYSIUS BERTRANDGaspar de la Nuit (1842

15/01/19

Calibán


Esta lingua que dominei
tenme dominada;

ensinoume maldicións
na linguaxe do dominador,

ensinoume a escravitude
na linguaxe do dominador,

e eu son unha muller violada e espida
cantando as palabras dunha nena perdida
pisando a punta das ondas
tentando recobrar...

o soño dunha virxe vestida ao luar,
acadando xestos a través das augas
cantando unha canción do fogar.

Son a filla dun home negro, aínda
varado ás beiras dos mares saxóns.


 ABENA BUSIA


Abana Busia (1953), poeta e editora ghanesa, profesora de Estudos de Xénero na Univ. de Rutgers e diplomática no Brasil. 

Calibán é o nome dun personaxe de Shakespeare, un escravo primitivo e salvaxe, reinterpretando posteriormente como símbolo do "home natural" de Rousseau, das clases oprimidas polo capitalismo ou polo colonialismo. Caliban está vinculado á visión europea dos nativos americanos e africanos.

08/01/19

Herdanza


Antes de pór o pendente frotou o metal que rodeaba o zafiro cun pauciño de algodón impregnado en líquido para limpar prata. Centos de estratos de tempo alzaron o voo deixando a superficie luminosa e espida. Achegouse, curiosa, e a xoia devolveulle a faciana adolescente da súa avoa probando o pendente ante un espello.


Paz Monserrat Revillo


Paz Monserrat Revillo (Tortosa, 1962), bióloga e profesora de Secundaria, foi galardoada en diversos certames polos seus relatos e microrrelatos.