Amosando publicacións coa etiqueta lingua. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta lingua. Amosar todas as publicacións

05/01/13

Canción africana

Retrato de muller negra. Maruxa Mallo
Gústame moito compartir unha historia que conta a poetisa africana Tolba Phanem, porque permite, cun exemplo concreto, entender o que significa “recuperar unha respiración de alma” e entendermos que se pode circular por unha vía moi diferente á que se nos fai crer como inevitábel [...]

Cando unha muller en certa tribo de África sabe que está embarazada, intérnase na selva con outras mulleres e xuntas rezan e meditan ata que aparece a canción do neno. Elas saben que cada alma ten a súa propia vibración que expresa a súa particularidade, unicidade e propósito. As mulleres atopan a súa canción, entóana e cantan en voz alta. Logo retornan á tribo e ensínanlla a todos os demais. Cando nace o neno, a comunidade xúntase e cantan a súa canción. Máis tarde, cando o neno vai comezar a súa educación, o pobo xúntase e cántalle a súa canción. Cando se inicia como adulto, novamente xúntanse todos e cántanlle. Cando chega o momento do seu casamento, a persoa escoita a súa canción na voz do seu pobo. Finalmente, cando a alma se vai ir deste mundo, a familia e os amigos achéganse á cama e do mesmo xeito que fixeron no seu nacemento, cántanlle a súa canción para acompañalo na viaxe.

Nesta tribo hai unha ocasión máis na que os poboadores cantan a canción. Se nalgún momento da súa vida a persoa comete un acto social aberrante, lévana ao centro e toda a xente da súa comunidade forma un círculo ao seu arredor. Entón… cántanlle a súa canción. A tribo sabe que a corrección para as condutas antisociais non é o castigo, senón o amor e o recordo da súa verdadeira identidade. Cando recoñecemos a nosa propia canción xa non temos desexos nin necesidade de facer nada que poida danar a outros. Os teus amigos coñecen a túa canción e cántanche cando a esqueciches. Aqueles que te aman non poden ser enganados polos erros que cometes ou as escuras imaxes que ás veces amosas aos demais. Eles recordan a túa beleza cando te sentes feo, a túa totalidade cando estás quebrado, a túa inocencia cando te sentes culpábel, o teu propósito cando estás confundido. Non necesito unha garantía asinada para saber que o sangue das miñas veas é da terra e sopra na miña alma coma o vento, refresca o meu corazón como a chuvia e limpa a miña mente como o fumo do lume sagrado”.
Nin o poder nin o prestixio nin o diñeiro garanten a supervivencia de ningún idioma humano no movemento carcerario dun círculo vicioso […] Ese modesto idioma africano non está en risco mentres manteña como función nuclear a de crear/recrear a canción. 
A saída prodúcese atopando a nosa canción. Entre todos a de todos, cada un a súa, entre varios a da nosa lingua.

JOSÉ Mª SÁNCHEZ CARRIÓN, “(Re)pensar o discurso”. Unha outra guía para a intervención lingüística, UDC, 2011.


Sánchez Carrión, «Txepetx»  (1952), destacado lingüista experto en vasco, español e inglés. As súas principais áreas de investigación céntrase na sociolingüística e na vida das linguas, cunha especial preocupación cara as linguas minorizadas.

30/12/12

Só se o rei deixase

Na Inglaterra medieval a practica sexual común entre homes e mulleres era considerada pecaminosa, polo que carecía de autorización real ou de quen representase ese poder supremo. Só os membros da aristocracia, e en particular da familia real, estaban dispensados dese requisito. Así, quen pretendía desenvolver actividade sexual con finalidade reprodutiva, debía solicitar esa autorización previa, sendo fixada na porta da respectiva casa unha placa onde se lía “Fornication Under Consent of the King”, que deu orixe, en canto sigla, á correntísima, e non por iso menos obscena, palabra “Fuck”, omnipresente sobre todo nos filmes de acción e outros producidos en Hollywood.


JOSÉ JORGE LETRIA: A Historia pelo buraco da fechadura (2011)

15/12/12

A linguaxe 3

Na época vitoriana non se podían mencionar os pantalóns en presenza dunha “señorita”. Neste momento, non queda ben dicir certas cousas en presenza da opinión pública: o capitalismo loce o nome artístico de economía de mercado; o imperialismo chámase globalización; as vítimas do imperialismo chámanse países en vías de desenvolvemento, que é como chamar nenos aos ananos; o oportunismo chámase pragmatismo; a traizón chámase realismo; os pobres chámanse carentes, ou de escasos recursos; a expulsión dos nenos pobres do sistema educativo coñécese baixo o nome de deserción escolar; o dereito do patrón a despedir ao obreiro sen indemnización nin explicación chámase flexibilización do mercado laboral; a linguaxe oficial recoñece os dereitos das mulleres, entre os dereitos das minorías, coma se a metade masculina da humanidade fose a maioría;  en lugar de ditadura militar, dise proceso; ás torturas chámase premas ilegais, ou tamén presións físicas e psicolóxicas;  cando os ladróns son de boa familia, non son ladróns, senón cleptómanos; o saqueo dos fondos públicos polos políticos corruptos responde ao nome de enriquecemento ilícito; chámanse accidentes aos crimes que cometen os automóbiles; para dicir cegos, dise non videntesun negro é un home de cor; onde di longa e penosa enfermidade, debe lerse cancro ou sida; repentina doenza, significa infarto; nunca se di morte, senón desaparición física: tampouco son mortos os seres humanos aniquilados nas operacións militares: os mortos en batallas son baixas, e os civís que lla ligan sen comela nin bebela son, danos colaterais:  en 1995, cando as explosións nucleares de Francia no Pacífico sur, o embaixador francés en Nova Zelandia declarou: "Non me gusta esa palabra bomba. Non son bombas. Son artefactos que explotan".
Eduardo Galeano: Patas arriba. La escuela del mundo al revés.

O mundo encolle


Cada dúas semanas morre unha lingua. O mundo diminúe cando perde os seus humanos dicires, como perde a diversidade das súas plantas e dos seus bichos. En 1974 morreu Ángela Loij, unha das últimas indíxenas da Terra de Lume, alá na fin do mundo e a derradeira que falou a súa lingua. Soíña cantaba Ángela, para ninguén cantaba, nesa lingua que ninguén lembraba:
"Vou andando polas pisadas
daqueles que se foron.
Perdida estou."

En tempos pasados os ona adoraban varios deuses. O deus supremo chamábase Pemaulk. Pemaulk significa Palabra.


Eduardo Galeano. Los hijos de los días.