22/12/21

PASATEMPO

Cando eramos meniños
os vellos tiñan sobre trinta
unha pucharca era un océano
a morte simplemente

non existía.


Logo cando rapaces
os vellos eran xente de corenta
un estanque era un océano
a morte soamente
unha palabra.


Xa cando casamos
os anciáns estaban nos cincuenta
un lago era un océano
a morte era a morte
dos outros.


Agora veteranos
xa lle demos alcance á verdade
o océano é por fin o océano
pero a morte empeza a ser
a nosa.

05/12/21

Tres poemas de Juana de Ibarbourou

Juana de Ibarbourou (1892-1969), coñecida como Juana de América, foi unha poeta uruguaia que chegou vender máis libros que Gardel discos. Transgresora en moitos aspectos, Juana estivo moi influída pola obra de Rosalía de Castro. Ela mesma contou que espertou a súa vocación poética cando oía os versos da nosa escritora, que, de memoria, lle recitaba o seu pai, Vicente Fernández, un emigrante galego, muiñeiro de Lourenzá. Recoñecida e galadoada como poeta, tivo, porén, unha mala vida:  sufriu violencia machista (do marido e do fillo) e acabou adicta á morfina. Deostada por uns e idolatrada por outros, Juana tiña, coa súa linguaxe sinxela e natural, un talento lírico indiscutible.

Adaptamos ao galego tres poemas da poeta uruguaia: en “Muller” lamenta a falta de liberdade das mulleres, que, pola contra, si gozan os homes; no segundo, “Lamentación” do libro “Las lenguas del diamante” (1919), escrito con 22 anos, desexa a morte para rematar coa dor que lle causa un amor perdido; en “Silencio”, vemos o rosaliano reclamo do mar como espazo de descanso da súa vida cansada.


MULLER

 

Se eu fose home, que enchente de lúa,
de sombra e silencio habíame dar!
Como, noite a noite, só deambularía
polos campos quietos e en fronte do mar!

 

Se eu fose home, que estraño, que tolo,
tenaz vagabundo que había de ser!
Amigo de todos os longos camiños
que incitan a ir lonxe para non volver!

 

Cando a min me acosan ansias andadeiras
que pena tan fonda dáme ser muller!

 


LAMENTACIÓN

 

Son enredadeira:
Bendita a machada que o meu tronco fira!

Son unha ametista:
louvado o lodo que o meu lume vista!

Lámpada votiva,
maldigo ao aceite que me ten viva.

Falena rosada,
soño nunha espiña, para ser cravada.

Rocha que desdeña o mel da froita,
pido, en cambio, o vaso cheo de cicuta.

Posto que perdín a luz do seu amor,
o ser que me deches, tómao, Señor!

Mutila a miña lingua que aínda por el dama.
Cega estes ollos que aínda buscan a súa chama.

Córtame estas mans covardes que imploran
e cérrame estes beizos que por el oran!

Converte en cinza,
estes pés que aínda buscan a ruta que el pisa.

Tapia os oídos,
que aínda o seu acento albiscan en cada ruído.

Ai, triste de min,
que luz e alegría co seu amor perdín!

 

Ai, triste de min,
que xa nunca, nunca serei o que fun! 

 


SILENCIO

 

O meu lar tan lonxe do mar.

A miña vida tan lenta e cansada.

Quen me dera deitarme a soñar

unha noite de lúa na praia!

 

Morder musgos vermellos e acedos

e dispor dunha fresca almofada

cun montón deses curvados seixos

que están puídos polo sal das augas.  

 

Dar o corpo aos ventos sen nome

baixo o arco do ceo profundo

e ser toda unha noite silencio

no burato ruidoso do mundo.

Alfonsina

Á muller que pensa sécanselle os ovarios. Nace a muller para producir leite e bágoas, non ideas; e non para vivir a vida senón para espiala desde as xanelas a medio pechar. Mil veces explicáronllo e Alfonsina Storni nunca o creu. Os seus versos máis difundidos protestan contra o macho aprisionador. 


Cando hai anos chegou a Buenos Aires desde provincias, Alfonsina traía uns vellos zapatos de tacóns tortos e no ventre un fillo sen pai legal. 


Nesta cidade traballou no que había; e roubaba formularios do telégrafo para escribir as súas tristezas. 

Mentres puía as palabras, verso a verso, noite a noite, cruzaba os dedos e bicaba as barallas que anunciaban viaxes e herdanzas e amores. 


O tempo pasou, case un cuarto de século; e nada lle regalou a sorte. Pero pelexando a brazo aberto, Alfonsina foi capaz de abrirse paso no masculino mundo. A súa cara de ratiña travesa nunca falta nas fotos que congregan aos escritores arxentinos máis ilustres. 


Este ano, no verán, soubo que tiña cancro. Desde entón escribe poemas que falan do abrazo do mar e da casa que a espera alá no fondo, na avenida das madréporas.



Eduardo Galeano. Mujeres. 

04/12/21

Paxaros prohibidos

1976. Nun cárcere chamado Liberdade.

Os presos políticos uruguaios non poden cantar sen permiso, asubiar, sorrir, cantar, camiñar rápido nin saudar outro preso. Tampouco poden debuxar nin recibir debuxos de mulleres embarazadas, parellas, bolboretas, estrelas ou paxaros.
Didaskó Pérez, mestre de escola, torturado e preso por ter ideas ideolóxicas, recibe un domingo a visita da súa filla Milay, de cinco anos. A filla tráelle un debuxo de paxaros. Os censores rómpenllo á entrada do cárcere. 

Ao domingo seguinte, Milay tráelle un debuxo de árbores. As árbores non están prohibidas, e o debuxo pasa. 

Didaskó elóxialle a obra e pregúntalle polos circuliños de cores que aparecen nas copas das árbores, moitos pequenos círculos entre as pólas. 

 Son laranxas? Que froitas son? 

A nena faino calar: 

 Ssshhhh 

E en segredo explícalle: 

 Bobo. Non ves que son ollos? Os ollos dos paxaros que trouxen ás agachadas. 

Fotograma da animación en 3D de  Eduardo Luzzatti

Fotograma da animación en 3D de Eduardo Luzzatti

22/05/21

Rupi Kaur II

Traemos ao galego outros textos de Rupi Kaur, escritora, ilustradora e actriz canadense de orixe india. Os seus textos breves de prosa poética, acompañados de debuxos minimalistas, triunfa nas redes con temas como o abuso, o feminismo, o amor e o desamor, a emigración...

------------------------------------------------------------------------------

cando miña nai abre a boca
para conversar durante a cea
meu pai ensarta a palabra silencio
nos seus beizos e dille que ela
nunca debe falar coa boca chea
foi así como as mulleres da miña familia 

aprenderon a vivir coa boca pechada 


------------------------------------------------------------------------------

quero pedir desculpas a todas as mulleres 

ás que chamei guapas
antes de 
dicirlles intelixentes ou valentes

Lamento que soara tan simple

como se iso que naceu contigo

fose motivo do teu seu maior orgullo

cando o teu espírito esmagou montañas
de agora 
en adiante vou dicir cousas como

tî es forte ou ti es extraordinaria
non porque non te te ache bonita
senón porque ti es moito máis que iso 

------------------------------------------------------------------------------

a soidade é un sinal de que estás precisando desesperadamente 

de ti mesma.



08/03/21

NACER HOME

ADELA ZAMUDIO (Cochabamba, 1854-1928) foi una escritora boliviana, pioneira do feminismo. Foi autora de ensaios literarios, pedagóxicos e políticos, así como novelista, contista, dramaturga e poeta de preocupación social e angustia filosófica. Como educadora, foi profesora e directora da primeira escola laica de Bolivia. Atacou o ensino relixioso, o crego corrupto, os costumes sociais, a hipocrisía... Defendeu o matrimonio civil e desenvolveu un significativo labor sociocultural en prol da emancipación da muller, desafiando a sociedade conservadora que a rodeaba, escandalizada coas súas ideas –daquela revolucionarias– na loita pola igualdade de sexos. En 1926 o presidente coroou en Cochabamba a Adela Zamudio, recoñecéndoa como a máis elevada expoñente da cultura en Bolivia. O 11 de outubro, data do seu nacemento, celébrase o Día da Muller Boliviana. 

“Nacer Home” reflicte a indignación de vivir baixo o sistema patriarcal. Denuncia a marxinación social, cultural e política que vivía a muller no século XIX. 

 

NACER HOME

Canto traballo ela pasa

por corrixir a torpeza

do seu home, e na casa,

(permitide que me asombre)

tan vaidoso coma inepto

segue sendo el o cabeza,

porque é home.

Se algunha versos escribe

 "De algún estes versos son, 

que ela só os subscribe”;

(permitide que me asombre)

Se ese algún non é poeta,

por que tal suposición?

 Porque é home.

Unha muller superior

nas eleccións non vota,

e vota o canalla peor;

(permitide que me asombre)

con só saber asinar

pode votar un idiota,

porque é home.

El abátese e bebe ou xoga

nun revés da súa sorte;

ela sofre, loita e roga;

ela chámase “ser débil”,

el apelídase “ser forte”

porque é home.

Ela debe perdoar

ao seu home se lle é infiel;

mais, el pódese vingar;

(permitide que me asombre)

pois nun caso semellante

até pode el matar,

porque é home.

Oh, mortal!

Oh mortal privilexiado,

que de perfecto e cabal

gozas seguro renome!

Para iso, que lle abasta?

Nacer home.