10/12/13

Pesadelo en verde

Espertou plenamente consciente da súa decisión: a grande decisión que tomara mentres repousaba a noite anterior, tentando durmir. Tería que matala sen afrouxarse, quería sentirse novamente coma un home, coma un home completo. Tería que ser firme no momento de pedirlle o divorcio á súa esposa ou todo se ía perder e nunca volvería a reunir o valor necesario para facelo. Agora vía claro que, xa desde o principio mesmo do seu matrimonio, ficaba inevitable que as cousas chegaran a este estado.

Estar casado cunha muller máis forte ca el, máis forte en todos os sentidos, non só era intolerable senón que o convertía progresivamente nun indefenso e débil rato. A súa muller podíalle gañar en todo o que facía. Unha atleta como era, podíalle derrotar con facilidade en tenis, en golf, en todo. Podía montar e patinar mellor ca el; guiar un automóbil con máis pericia. Experta en case todo, facíalle parecer un torpe xogador de póker, ao que xogaba como unha consumada profesional. E, o que aínda era peor, pouco a pouco ela colleu as rendas dos seus negocios e asuntos financeiros e levounos a unha prosperidade económica que el xamais podería nin imaxinar. Non existía unha soa faceta na que o seu ego, ou o pouco que del lle quedaba, non tivera sido lacerado e golpeado durante os anos do seu matrimonio.

Até agora. Até que Laura chegou. Doce, delicada e pequena. Laura estaba de visita na súa casa e era todo o contrario da súa esposa: Laura era fráxil e miúda, adorablemente indefensa e doce. Estaba tolo por ela e sabía que era a súa salvación. Ao casar con Laura, sería novamente un home. Estaba seguro de que casaría con el; tiña que facelo, era a súa única esperanza. Tiña que gañar, non importaba o que a súa esposa dixera ou fixera.

Bañouse e vestiuse rapidamente, temendo a próxima escena coa súa esposa, ansioso de afrontala co pouco valor que lle quedaba. Baixou as escaleiras e atopouna soa, almorzando na mesa. Ela levantou os ollos e comentou:
Bos días, meu. Laura rematou de almorzar, e saíu dar un paseo. Pedinlle que o fixera para poder falar contigo a soas...

Ben, pensou el sentando no lado oposto. A súa esposa notou o que lle ocorría e tratou de facilitar as cousas traendo o asunto a colación.

—William, quero divorciarme. Sei que isto será un golpe para ti, pero... Laura e eu estamos namoradas e imos marchar xuntas, lonxe de aquí.


FREDRIC BROWN. Pesadelos e Geezenstacks.

09/12/13

Poema ao meu irmán branco

Querido irmán branco:

Cando eu nacín, era negro.
Cando crecín, era negro.
Cando me dá o sol, son negro.
Cando estou doente, son negro.
Cando morra, serei negro.

E mentres tanto, ti, home branco,
Cando naciches, eras rosado.
Cando creciches, fuches branco.
Cando che dá o sol, es vermello.
Cando sentes frío, es azul.
Cando sentes medo, es verde.
Cando estás doente, es amarelo.
Cando morras, serás gris.

Entón, de nós os dous,
quen é un home de cor?

Léopold Sédar Senghor.