Amosando publicacións coa etiqueta microrrelato. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta microrrelato. Amosar todas as publicacións

12/11/23

Oito albaneis

"(…) Permítanme contarlles o último conto que me contou o meu avó hai moitos anos:

Había oito albaneis que saíron da súa aldea natal para buscar traballo. Para resgardarse da treboada que estaba a piques de caer, todos entraron nun templo en ruínas. Os tronos sucedíanse, os lóstregos iluminaban o escuro ceo, uns estraños sons traspasaban a porta do templo e parecían os ruxidos dun dragón. Todos estaban mortos de medo, e os seus rostros viraron pálidos. Un deles comentou: -“É sinal de castigo celestial. Entre nós debe haber alguén que fixo algo malvado. Quen é ese maldito? Sae agora mesmo. Sae para recibir a túa condena divina e para non estender a mala sorte entre nós”. Obviamente, ninguén quería saír fóra. Outro propuxo: “Como ninguén de nós quere saír, lanzaremos os nosos chapeus de palla fóra e o que non regrese significará que o seu dono é a persoa da que estamos a falar. Entón, pedirémoslle que se vaia”. Todos asentiron e lanzaron os seus chapeus fóra. Só un chapeu quedou no exterior e os demais volveron dentro. Os sete albaneis querían botar do templo á persoa cuxo chapeu quedara fóra. O home negouse a aceptar esa decisión. Nese momento, os outros sete collérono e expulsárono á forza. Supoño que a estas alturas xa adiviñarían o final do conto: No mesmo instante en que ficou expulsado, o templo afundiuse e os sete homes morreron. 

Son un contacontos. 

Déronme o Premio Nobel polos meus contos. (…)"


Mo Yan. Discurso de aceptación do premio Nobel de Literatura. 7/12/2012

27/08/22

Conto policial

De camiño á tenda na que traballaba como vendedor, un mozo pasaba todos os días por diante dunha casa en cuxo balcón unha fermosísima muller estaba a ler un libro. A muller nunca lle botou unha ollada. Unha vez o mozo escoitou dous clientes da tenda falando daquela muller. Dicían que vivía soa, que era moi rica e que gardaba na súa casa grandes cantidades de diñeiro, ademais de xoias e pratería. Unha noite o mozo, armado cun pico e unha lanterna sen brillo, entrou furtivamente na casa da muller. A muller espertou, comezou a berrar e o mozo atopouse coa dolorosa necesidade de matala. Fuxiu sen ter sido quen de roubar nin un alfinete, pero co consolo de que a policía non descubriría o autor do crime. Á mañá seguinte, cando entrou na tenda, a policía detívoo. Asombrado pola incrible sagacidade da policía, confesou todo. Máis tarde sabería que a muller levaba un diario íntimo no que escribira que o vendedor da tenda da esquina, bo mozo e de ollos verdes, era o seu amante e que ía visitala esa noite.

(Marco Denevi. Cartas perigosas e outras historias)

22/01/19

O compoñedor de contos

Nella Marchesini, Father in the Study (1928)
Os que estragaban un conto bo ou escribían un cativo, enviábano a un compoñedor de contos. Este era un velliño calvo, de ollos moi vivos, que usaba uns anteollos pasados de moda, montados case na punta do nariz, e estaba detrás dun mostrador baixiño, cheo de poeirentos libros de contos de todas as idades e de todos os países.
A súa tenda tiña unha soa porta cara a rúa e el andaba sempre moi atarefado. Dos seus grandes libros tiraba inesgotablemente palabras belas e aínda frases enteiras, ou ben anacos de aventuras ou feitos prodixiosos que anotaba nun papel branco, e logo, con paciencia e amodo, ía engarzando eses materiais no conto roto. 
Cando remataba a compoñedura, líase o conto tan ben que semellaba outro.

Disto vivía o velliño e tiña que manter a súa muller, dez fillos ociosos, un can irlandés e dous gatos negros.
MARIANO SILVA Y ACEVES. De Campanitas de Plata (1925)


08/01/19

Herdanza


Antes de pór o pendente frotou o metal que rodeaba o zafiro cun pauciño de algodón impregnado en líquido para limpar prata. Centos de estratos de tempo alzaron o voo deixando a superficie luminosa e espida. Achegouse, curiosa, e a xoia devolveulle a faciana adolescente da súa avoa probando o pendente ante un espello.


Paz Monserrat Revillo


Paz Monserrat Revillo (Tortosa, 1962), bióloga e profesora de Secundaria, foi galardoada en diversos certames polos seus relatos e microrrelatos.

17/12/18

Carta do namorado


Hai novelas que, aínda que non son longas, non logran comezar de verdade até a páxina 50 ou a 60. A algunhas vidas sucédelles o mesmo. Por iso non me matei antes, señor xuíz.



JUAN JOSÉ MILLÁS. “Microrrelatos 01”. El País Semanal.

13/03/18

GOLEM E RABINO (IV)



-Non me obedezas! -ordenou o seu Amo ao perplexo Golem que, ansioso por cumprir a súa orde, a desobedeceu ao instante, amosándose aínda máis servil que de costume.

Ana María Shua

Artistas do trapecio



Non teñas medo, voará, herdou os nosos xenes, di o artista do trapecio. E desde o punto máis alto lanza á súa filla, un bebé aínda, polo ar, cara aos brazos da nai aterrada e infiel.

Ana María Shua

02/01/13

O traballo nº 13 de Hércules

François Boucher: "Hércules e Onfalia", 1730 (fragmento)
Segundo o apócrifo Apolodoro da Biblioteca, “Hércules hospedouse durante cincuenta días en casa dun tal Tespio, quen era pai de cincuenta fillas a todas as cales, unha por unha, foi poñendo no leito do heroe porque quería que este lle dese netos que herdasen a súa forza. Hércules, crendo que eran sempre a mesma, amounas a todas”.
O pormenor que Apolodoro ignora ou pasa por alto é que as cincuenta fillas de Tespio eran virxes. Hércules, curto de entendemento como todos os forzudos, sempre creu que o máis arduo dos seus traballos fora desflorar á única filla de Tespio.

Marco Denevi. Falsificaciones. 1966.

30/12/12

Sete contos hiperbreves


Relato de Luis Felipe G. Lomelí e gravado de Luís Seoane.
Este relato, de catro palabras, é máis breve que existe.


“O DINOSAURO”

Cando espertou, o dinosauro aínda estaba alí.

Augusto Monterroso
------------------

“A CULTA DAMA”

Pregunteille á culta dama se coñecía o conto de Augusto Monterroso titulado “O dinosauro”.
—Ah, é unha delicia —respondeume—, xa o estou lendo.

José de la Colina
------------------

“A DERRADEIRA CEA”

O conde invitoume ao seu castelo. Naturalmente eu levarei a bebida.

Ángel García Galiano
------------------

“AUTOBIOGRAFÍA”

Fracasei. Son, como todo o mundo sabe, un perfecto descoñecido.

Jaime Muñoz Vargas
------------------

“O ADIVIÑO”

En Sumatra, alguén quere doutorarse de adiviño. O bruxo examinador pregúntalle se será reprobado ou se pasará. O candidato responde que será reprobado..

Jorge Luis Borges
------------------

“O HOME INVISIBLE”

Aquel home era invisible, pero ninguén se decatou.

Gabriel Jiménez Emán

29/12/12

Palabras parcas


Abelardo, Arsaín, astuto avogado arxentino, asasino agudo, aposto, áxil aerobista acicalado. Atento. Amable. Amigo asiduo, afectuoso, asexante. Ambicioso. Amante ardente, aceso. Autoritario. Abrazos asfixiantes, ansiosos, asustados. Aluvión apagado, artefacto abrandado, apoucado. Agravado. Altamente agresivo, ao asexo. Abelardo Arsaín. Arma ao alcance, arremete arteiro, ataca arrabiado, asasina. Atrapado. Absolto: autodefensa. ¡Ai! Luisa
Valenzuela: Juego de villanos, 2008.

28/12/12

O drama do desencantado

... o drama do desencantado que se lanzou á rúa desde o décimo andar, e a medida que caía ía vendo a través das fiestras a intimidade dos seus veciños, as pequenas traxedias domésticas, os amores furtivos, os breves instantes de felicidade, cuxas noticias non chegaran nunca até a escaleira común, de modo que no instante de rebentarse contra o pavimento da rúa cambiara por completo a súa concepción do mundo, e chegara á conclusión de que aquela vida que abandonaba para sempre pola porta falsa pagaba a pena de ser vivida.

Gabriel García Márquez

22/12/12

Por escrito galiña unha

Con o que pasa é nosoutras encomiable. Rapidamente do apoderamos mundo nos. Hurra! Era un inofensivo aparentemente cohete lanzado Cañaveral americanos Cabo desde polos. Razóns por descoñecidas órbita da desviouse, e probablemente algo ao rozar invisible terra devolveuno a. Crista caeunos na paf, e mutación en golpe entramos de. Axiña a multiplicar aprendendo de táboa estamos, dotadas moi literatura para a historia da somos, química menos un pouco, desastre agora até cos deportes un, non importa pero: das será galiñas cosmos o, carallo que!

Júlio Cortázar. La vuelta al día en ochenta mundos (1967). Adaptación.