Amosando publicacións coa etiqueta Julio Cortázar. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Julio Cortázar. Amosar todas as publicacións

22/01/18

ESMAGAMENTO DAS GOTAS

Eu non sei, olla, é terrible como chove. Chove todo o tempo, por fóra tupido e gris, aquí contra o balcón con goteiróns calados e duros, que fan plaf e se esmagan como labazadas un detrás doutro, que fastío. Agora aparece unha pinguiña no alto do marco da fiestra, fica tremelicando contra o ceo que a esnaquiza en mil brillos apagados, vai crecendo e cambaléase, xa vai caer e non cae, aínda non cae.

Está prendida con todas as uñas, non quere caer e vese que se agarra cos dentes mentres lle medra a barriga, xa é unha gotaza que pendura maxestosa e, de súpeto, zup, alá vai, plaf, desfeita, nada, unha viscosidade no mármore.
Pero hainas que se suicidan e entréganse axiña, brotan no marco e aí mesmo tíranse, paréceme ver a vibración do salto, as súas perniñas desprendéndose e o grito que as emborracha nesa nada do caer e aniquilarse.

Tristes pingas, redondas inocentes pingas. Adeus pingas. Adeus.

JULIO CORTÁZAR. Historias de Cronopios e de Famas (1962).

07/07/13

Preámbulo ás instrucións para dar corda ao reloxo

Pensa nisto: cando che regalan un reloxo regálanche un pequeno inferno florido, unha cadea de rosas, un calabozo de ar. Non che dan soamente o reloxo, que os cumpras moi felices e esperamos que che dure porque é de boa marca, suízo con áncora de rubís; non che regalan soamente ese miúdo canteiro que atarás ao pulso e pasearás contigo. Regálanche -non o saben, o terrible é que non o saben-, regálanche un novo anaco fráxil e precario de ti mesmo, algo que é teu pero non é o teu corpo, que hai que atar ao teu corpo coa súa correa coma un braciño desesperado pendurándose do teu pulso. Regálanche a necesidade de darlle corda todos os días, a obriga de darlle corda para que siga sendo un reloxo; regálanche a obsesión de atender á hora exacta nas vitrinas das xoiarías, no anuncio pola radio, no servizo telefónico. Regálanche o medo de perdelo, de que cho rouben, de que se che caia ao chan e rompa. Regálanche a súa marca, e a seguridade de que é unha marca mellor cás outras, regálanche a tendencia de comparar o teu reloxo cos demais reloxos. Non che regalan un reloxo, ti es o regalado, a ti ofrécente para o aniversario do reloxo.
Julio Cortázar. Historias de Cronopios y de Famas. 1962

27/01/13

Continuidade nos parques

O escritor arxentino
Julio Cortázar
 (19141984)











Empezara a ler a novela uns días antes. Abandonouna por negocios urxentes, volveu abrila cando regresaba en tren á finca; deixábase interesar lentamente pola trama, polo debuxo dos personaxes. Esa tarde, logo de escribir unha carta ao seu apoderado e discutir co mordomo unha cuestión de parcerías volveu ao libro na tranquilidade do estudio que miraba cara ao parque dos carballos. Apoltronado na súa butaca favorita de costas á porta que o puidese molestar como unha irritante posibilidade de intrusións, deixou que a súa man esquerda acariñase unha e outra vez o veludo verde e púxose a ler os derradeiros capítulos.

A súa memoria retiña sen esforzo os nomes e as imaxes dos protagonistas; a ilusión novelesca gañouno case deseguido. Gozaba do pracer case perverso de irse esgallando liña a liña do que o rodeaba, e sentir á vez que a súa cabeza descansaba comodamente no veludo do alto respaldo, que os cigarros seguían ao alcance da man, que máis aló das xanelas danzaba o ar do lusco fusco baixo os carballos. Palabra a palabra, absorbido pola sórdida disxuntiva dos heroes, deixándose ir cara ás imaxes que se concertaban e adquirían cor e movemento, foi testemuña do último encontro na cabana do monte. Primeiro entraba a muller, receosa; agora chegaba o amante, mancada a cara polo lategazo dunha póla. Admirablemente detiña ela o avance do sangue cos seus bicos, pero el rexeitaba as caricias, non viñera para repetir as cerimonias dunha paixón secreta, protexida por un mundo de follas secas e carreiros furtivos. O puñal entibiábase contra o seu peito, e debaixo latexaba a liberdade acazapada. Un diálogo axitado corría polas páxinas como un arroio de serpes, e sentíase que todo estaba decidido desde sempre. Até eses aloumiños que enredaban o corpo do amante como querendo retelo e disuadilo, debuxaban atrozmente a figura doutro corpo que era necesario destruír. Nada fora esquecido: coartadas, azares, posibles erros. A partir desa hora cada instante tiña o seu emprego minuciosamente asignado. O dobre repaso desapiadado interrompíase apenas para que unha man acariñase unha fazula. Empezaba a anoitecer.

Sen mirarse xa, atados rixidamente á tarefa que os esperaba, separáronse na porta da cabana. Ela debía seguir pola senda que ía ao norte. Desde a senda oposta el volveuse un instante para vela correr co pelo solto. Correu á súa vez, parapetándose nas árbores e as sebes, até distinguir na brétema malva do solpor a arboreda que levaba á casa. Os cans non debían ladrar, e non ladraron. O mordomo non estaría a esa hora, e non estaba. Subiu os tres chanzos do soportal e entrou. Desde o sangue galopando nos seus oídos chegábanlle as palabras da muller: primeiro unha sala azul, despois unha galería, unha escaleira alfombrada. No alto, dúas portas. Ninguén na primeira habitación, ninguén na segunda. A porta do salón, e entón o puñal na man, a luz das xanelas, o alto respaldo dunha butaca de veludo verde, a cabeza do home na butaca lendo unha novela.

Julio Cortázar. Final del juego (1956)

22/12/12

Por escrito galiña unha

Con o que pasa é nosoutras encomiable. Rapidamente do apoderamos mundo nos. Hurra! Era un inofensivo aparentemente cohete lanzado Cañaveral americanos Cabo desde polos. Razóns por descoñecidas órbita da desviouse, e probablemente algo ao rozar invisible terra devolveuno a. Crista caeunos na paf, e mutación en golpe entramos de. Axiña a multiplicar aprendendo de táboa estamos, dotadas moi literatura para a historia da somos, química menos un pouco, desastre agora até cos deportes un, non importa pero: das será galiñas cosmos o, carallo que!

Júlio Cortázar. La vuelta al día en ochenta mundos (1967). Adaptación.