Amosando publicacións coa etiqueta sociedade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta sociedade. Amosar todas as publicacións

04/12/21

Paxaros prohibidos

1976. Nun cárcere chamado Liberdade.

Os presos políticos uruguaios non poden cantar sen permiso, asubiar, sorrir, cantar, camiñar rápido nin saudar outro preso. Tampouco poden debuxar nin recibir debuxos de mulleres embarazadas, parellas, bolboretas, estrelas ou paxaros.
Didaskó Pérez, mestre de escola, torturado e preso por ter ideas ideolóxicas, recibe un domingo a visita da súa filla Milay, de cinco anos. A filla tráelle un debuxo de paxaros. Os censores rómpenllo á entrada do cárcere. 

Ao domingo seguinte, Milay tráelle un debuxo de árbores. As árbores non están prohibidas, e o debuxo pasa. 

Didaskó elóxialle a obra e pregúntalle polos circuliños de cores que aparecen nas copas das árbores, moitos pequenos círculos entre as pólas. 

 Son laranxas? Que froitas son? 

A nena faino calar: 

 Ssshhhh 

E en segredo explícalle: 

 Bobo. Non ves que son ollos? Os ollos dos paxaros que trouxen ás agachadas. 

Fotograma da animación en 3D de  Eduardo Luzzatti

Fotograma da animación en 3D de Eduardo Luzzatti

09/12/13

Poema ao meu irmán branco

Querido irmán branco:

Cando eu nacín, era negro.
Cando crecín, era negro.
Cando me dá o sol, son negro.
Cando estou doente, son negro.
Cando morra, serei negro.

E mentres tanto, ti, home branco,
Cando naciches, eras rosado.
Cando creciches, fuches branco.
Cando che dá o sol, es vermello.
Cando sentes frío, es azul.
Cando sentes medo, es verde.
Cando estás doente, es amarelo.
Cando morras, serás gris.

Entón, de nós os dous,
quen é un home de cor?

Léopold Sédar Senghor.

05/01/13

Canción africana

Retrato de muller negra. Maruxa Mallo
Gústame moito compartir unha historia que conta a poetisa africana Tolba Phanem, porque permite, cun exemplo concreto, entender o que significa “recuperar unha respiración de alma” e entendermos que se pode circular por unha vía moi diferente á que se nos fai crer como inevitábel [...]

Cando unha muller en certa tribo de África sabe que está embarazada, intérnase na selva con outras mulleres e xuntas rezan e meditan ata que aparece a canción do neno. Elas saben que cada alma ten a súa propia vibración que expresa a súa particularidade, unicidade e propósito. As mulleres atopan a súa canción, entóana e cantan en voz alta. Logo retornan á tribo e ensínanlla a todos os demais. Cando nace o neno, a comunidade xúntase e cantan a súa canción. Máis tarde, cando o neno vai comezar a súa educación, o pobo xúntase e cántalle a súa canción. Cando se inicia como adulto, novamente xúntanse todos e cántanlle. Cando chega o momento do seu casamento, a persoa escoita a súa canción na voz do seu pobo. Finalmente, cando a alma se vai ir deste mundo, a familia e os amigos achéganse á cama e do mesmo xeito que fixeron no seu nacemento, cántanlle a súa canción para acompañalo na viaxe.

Nesta tribo hai unha ocasión máis na que os poboadores cantan a canción. Se nalgún momento da súa vida a persoa comete un acto social aberrante, lévana ao centro e toda a xente da súa comunidade forma un círculo ao seu arredor. Entón… cántanlle a súa canción. A tribo sabe que a corrección para as condutas antisociais non é o castigo, senón o amor e o recordo da súa verdadeira identidade. Cando recoñecemos a nosa propia canción xa non temos desexos nin necesidade de facer nada que poida danar a outros. Os teus amigos coñecen a túa canción e cántanche cando a esqueciches. Aqueles que te aman non poden ser enganados polos erros que cometes ou as escuras imaxes que ás veces amosas aos demais. Eles recordan a túa beleza cando te sentes feo, a túa totalidade cando estás quebrado, a túa inocencia cando te sentes culpábel, o teu propósito cando estás confundido. Non necesito unha garantía asinada para saber que o sangue das miñas veas é da terra e sopra na miña alma coma o vento, refresca o meu corazón como a chuvia e limpa a miña mente como o fumo do lume sagrado”.
Nin o poder nin o prestixio nin o diñeiro garanten a supervivencia de ningún idioma humano no movemento carcerario dun círculo vicioso […] Ese modesto idioma africano non está en risco mentres manteña como función nuclear a de crear/recrear a canción. 
A saída prodúcese atopando a nosa canción. Entre todos a de todos, cada un a súa, entre varios a da nosa lingua.

JOSÉ Mª SÁNCHEZ CARRIÓN, “(Re)pensar o discurso”. Unha outra guía para a intervención lingüística, UDC, 2011.


Sánchez Carrión, «Txepetx»  (1952), destacado lingüista experto en vasco, español e inglés. As súas principais áreas de investigación céntrase na sociolingüística e na vida das linguas, cunha especial preocupación cara as linguas minorizadas.

04/01/13

África miña

Conferencia de Berlín sobre
o reparto de África

















A fins do século dezanove, as potencias coloniais europeas reuníronse, en Berlín, para repartirse África. Foi longa e dura a pelexa polo botín colonial, as selvas, os ríos, as montañas, os solos, os subsolos, até que as novas fronteiras foron debuxadas e no día de hoxe de 1885 asinouse, en nome de Deus Todopoderoso, a acta Xeral.

Os amos europeos tiveron o bo gusto de non mencionar o ouro, os diamantes, o marfil, o petróleo, o caucho, o estaño, o cacao, o café nin o aceite de palma; prohibiron que a escravitude fose chamada polo seu nome; chamaron sociedades filantrópicas ás empresas que proporcionaban carne humana ao mercado mundial; advertiron que actuaban movidos polo desexo de favorecer o desenvolvemento do comercio e da Civilización e, por si houbese algunha dúbida, aclararon que actuaban preocupados por aumentar o benestar moral e material das poboacións indíxenas.

Así Europa inventou o novo mapa do África. Ningún africano estivo, nin de adorno, nesa xuntanza cume.


Eduardo Galeano. Los hijos de los días.

30/12/12

Lágrima de negra


Maruxa Mallo. Cabeza de Muller. 1946

Encontrei unha negra
que estaba a chorar
pedinlle unha lágrima
para a analizar.

Recollín a bágoa
con todo o coidado
nun tubo de ensaio
ben esterilizado.

Olleina dun lado
do outro e de fronte
tiña un ar de gota
moi transparente.

Mandei vir os ácidos
as bases e os sales
as drogas usadas
en situacións tales.

Ensaiei en frío
experimentei ao lume
e todas as veces
deume o que é costume:

Nin sinais de negro
nin vestixios de odio,
auga (case todo)
e cloruro de sodio.


António Gedeão

Só se o rei deixase

Na Inglaterra medieval a practica sexual común entre homes e mulleres era considerada pecaminosa, polo que carecía de autorización real ou de quen representase ese poder supremo. Só os membros da aristocracia, e en particular da familia real, estaban dispensados dese requisito. Así, quen pretendía desenvolver actividade sexual con finalidade reprodutiva, debía solicitar esa autorización previa, sendo fixada na porta da respectiva casa unha placa onde se lía “Fornication Under Consent of the King”, que deu orixe, en canto sigla, á correntísima, e non por iso menos obscena, palabra “Fuck”, omnipresente sobre todo nos filmes de acción e outros producidos en Hollywood.


JOSÉ JORGE LETRIA: A Historia pelo buraco da fechadura (2011)

Un pene voador


Figura pompeiana. Museo de Nápoles



A cidade romana de Pompeia, destruída por unha violenta erupción do Vesubio, tiña como símbolo, arestora desaparecido, un pene con dúas ás. Este símbolo correspondía á licenciosidade dos costumes na cidade, onde proliferaban os prostíbulos e as prostitutas e onde a idea de pracer estaba omnipresente.

JOSÉ FORGE LETRIA: A Historia pelo buraco da fechadura

29/12/12

Tamén os bancos son mortais

    
John Bull, personificación do Reino
Unido, particularmente de Inglaterra.

Todo verdor perecerá, anunciara a Biblia.

En 1995, o Banco Barings, o máis antigo de Inglaterra, caeu en bancarrota. Unha semana despois, foi vendido por un prezo total dunha (1) libra esterlina.

Este banco fora o brazo financeiro do imperio británico.

A independencia e a débeda externa naceron xuntas en América Latina. Todos nacemos debendo. Nas nosas terras, o Banco Barings mercou países, alugou próceres, financiou guerras.

E creuse inmortal.

Eduardo Galeano. Los hijos de los días.

28/12/12

Breve historia do viño

Maruxa Mallo: "Acio de uvas"
Dúbidas razoables impídennos saber se Adán foi tentado por unha mazá ou por unha uva.

Sabemos, en cambio, que houbo viño neste mundo desde a idade de pedra, cando as uvas xa fermentaban sen axuda de ninguén.

Antigos cánticos chineses recetaban o viño para aliviar as dolencias dos tristes. Os egipcios crían que o Deus Horus tiña un ollo de sol e outro de lúa, e o ollo de lúa choraba bágoas de viño, que os vivos bebían para durmir e os mortos para espertar. Unha vide era o emblema do poder de Ciro, rei dos persas, e o viño regaba as festas dos gregos e dos romanos. Para celebrar o amor humano, Xesús converteu en viño a auga de seis tellas. Foi o seu primeiro milagre.



Eduardo Galeano: Espejos.

21/12/12

A pel mala


Maruxa Mallo:
 "Cabeza de negra" (1948)






A principios do século XVI, nos primeiros anos da conquista europea, o racismo impúxose nas illas do mar Caribe. Coartada e salvoconduto da aventura colonial, o desprezo racista realizábase plenamente cando se convertía no autodesprezo dos desprezados. Moitos indíxenas se rebelaron e moitos se suicidaron, por negarse ao traballo escravo, aforcándose ou bebendo veleno: pero outros se resignaron a outra forma de suicidio, o suicidio da alma, e aceptaron mirarse a si mesmos cos ollos do amo.
Para converterse en brancas damas de Castela, algunhas mulleres indias e negras se untaban o corpo enteiro cun ungüento feito de raíces dun arbusto chamado guao. A pasta de guao queimaba a pel e limpábaa, segundo se dicía, da cor mala. Un sacrificio en balde: ao cabo dos alaridos de dor e das chagas e as ampolas, as indias e as negras seguían sendo indias e negras.
Séculos despois, nos nosos días, a industria dos cosméticos ofrece mellores produtos. Na cidade de Freetown, na costa occidental da África, un xornalista explica: «Aclareándose a pel, as mulleres teñen mellores posibilidades de pescar un marido rico». Freetown é a capital de Serra Leoa: segundo os datos oficiais, do “Sierra Leone Pharmaceutical Board”, o país importa legalmente 26 variedades de cremas branqueadoras. Outras 150 entran de contrabando.

Eduardo Galeano. "Espellos brancos para caras negras", artigo  publicado en La Jornada, México, 21-8-1999.

15/12/12

A linguaxe 3

Na época vitoriana non se podían mencionar os pantalóns en presenza dunha “señorita”. Neste momento, non queda ben dicir certas cousas en presenza da opinión pública: o capitalismo loce o nome artístico de economía de mercado; o imperialismo chámase globalización; as vítimas do imperialismo chámanse países en vías de desenvolvemento, que é como chamar nenos aos ananos; o oportunismo chámase pragmatismo; a traizón chámase realismo; os pobres chámanse carentes, ou de escasos recursos; a expulsión dos nenos pobres do sistema educativo coñécese baixo o nome de deserción escolar; o dereito do patrón a despedir ao obreiro sen indemnización nin explicación chámase flexibilización do mercado laboral; a linguaxe oficial recoñece os dereitos das mulleres, entre os dereitos das minorías, coma se a metade masculina da humanidade fose a maioría;  en lugar de ditadura militar, dise proceso; ás torturas chámase premas ilegais, ou tamén presións físicas e psicolóxicas;  cando os ladróns son de boa familia, non son ladróns, senón cleptómanos; o saqueo dos fondos públicos polos políticos corruptos responde ao nome de enriquecemento ilícito; chámanse accidentes aos crimes que cometen os automóbiles; para dicir cegos, dise non videntesun negro é un home de cor; onde di longa e penosa enfermidade, debe lerse cancro ou sida; repentina doenza, significa infarto; nunca se di morte, senón desaparición física: tampouco son mortos os seres humanos aniquilados nas operacións militares: os mortos en batallas son baixas, e os civís que lla ligan sen comela nin bebela son, danos colaterais:  en 1995, cando as explosións nucleares de Francia no Pacífico sur, o embaixador francés en Nova Zelandia declarou: "Non me gusta esa palabra bomba. Non son bombas. Son artefactos que explotan".
Eduardo Galeano: Patas arriba. La escuela del mundo al revés.

O mundo encolle


Cada dúas semanas morre unha lingua. O mundo diminúe cando perde os seus humanos dicires, como perde a diversidade das súas plantas e dos seus bichos. En 1974 morreu Ángela Loij, unha das últimas indíxenas da Terra de Lume, alá na fin do mundo e a derradeira que falou a súa lingua. Soíña cantaba Ángela, para ninguén cantaba, nesa lingua que ninguén lembraba:
"Vou andando polas pisadas
daqueles que se foron.
Perdida estou."

En tempos pasados os ona adoraban varios deuses. O deus supremo chamábase Pemaulk. Pemaulk significa Palabra.


Eduardo Galeano. Los hijos de los días.