Retrato de muller negra. Maruxa
Mallo
|
“Cando unha muller en certa tribo de África sabe que está embarazada, intérnase na selva con outras mulleres e xuntas rezan e meditan ata que aparece a canción do neno. Elas saben que cada alma ten a súa propia vibración que expresa a súa particularidade, unicidade e propósito. As mulleres atopan a súa canción, entóana e cantan en voz alta. Logo retornan á tribo e ensínanlla a todos os demais. Cando nace o neno, a comunidade xúntase e cantan a súa canción. Máis tarde, cando o neno vai comezar a súa educación, o pobo xúntase e cántalle a súa canción. Cando se inicia como adulto, novamente xúntanse todos e cántanlle. Cando chega o momento do seu casamento, a persoa escoita a súa canción na voz do seu pobo. Finalmente, cando a alma se vai ir deste mundo, a familia e os amigos achéganse á cama e do mesmo xeito que fixeron no seu nacemento, cántanlle a súa canción para acompañalo na viaxe.
Nesta tribo hai unha ocasión máis na que os poboadores cantan a canción. Se nalgún momento da súa vida a persoa comete un acto social aberrante, lévana ao centro e toda a xente da súa comunidade forma un círculo ao seu arredor. Entón… cántanlle a súa canción. A tribo sabe que a corrección para as condutas antisociais non é o castigo, senón o amor e o recordo da súa verdadeira identidade. Cando recoñecemos a nosa propia canción xa non temos desexos nin necesidade de facer nada que poida danar a outros. Os teus amigos coñecen a túa canción e cántanche cando a esqueciches. Aqueles que te aman non poden ser enganados polos erros que cometes ou as escuras imaxes que ás veces amosas aos demais. Eles recordan a túa beleza cando te sentes feo, a túa totalidade cando estás quebrado, a túa inocencia cando te sentes culpábel, o teu propósito cando estás confundido. Non necesito unha garantía asinada para saber que o sangue das miñas veas é da terra e sopra na miña alma coma o vento, refresca o meu corazón como a chuvia e limpa a miña mente como o fumo do lume sagrado”.
Nin o poder nin o prestixio nin o diñeiro garanten a supervivencia
de ningún idioma humano no movemento carcerario dun círculo vicioso […] Ese
modesto idioma africano non está en risco mentres manteña como función nuclear
a de crear/recrear a canción.
A saída prodúcese atopando a nosa canción. Entre todos
a de todos, cada un a súa, entre varios a da nosa lingua.
JOSÉ Mª SÁNCHEZ CARRIÓN, “(Re)pensar o discurso”. Unha outra guía para a intervención lingüística, UDC, 2011.
Sánchez Carrión, «Txepetx» (1952), destacado lingüista
experto en vasco, español e inglés. As súas principais áreas de investigación
céntrase na sociolingüística e na vida das linguas,
cunha especial preocupación cara as linguas
minorizadas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario