Espertou plenamente consciente
da súa decisión: a grande decisión que tomara mentres repousaba a noite
anterior, tentando durmir. Tería que matala sen afrouxarse, quería sentirse
novamente coma un home, coma un home completo. Tería que ser firme no momento
de pedirlle o divorcio á súa esposa ou todo se ía perder e nunca volvería a
reunir o valor necesario para facelo. Agora vía claro que, xa desde o principio
mesmo do seu matrimonio, ficaba inevitable que as cousas chegaran a este
estado.
Estar casado cunha muller máis
forte ca el, máis forte en todos os sentidos, non só era intolerable senón que
o convertía progresivamente nun indefenso e débil rato. A súa muller podíalle
gañar en todo o que facía. Unha atleta como era, podíalle derrotar con
facilidade en tenis, en golf, en todo. Podía montar e patinar mellor ca el;
guiar un automóbil con máis pericia. Experta en case todo, facíalle parecer un
torpe xogador de póker, ao que xogaba como unha consumada profesional. E, o que
aínda era peor, pouco a pouco ela colleu as rendas dos seus negocios e asuntos
financeiros e levounos a unha prosperidade económica que el xamais podería nin
imaxinar. Non existía unha soa faceta na que o seu ego, ou o pouco que del lle
quedaba, non tivera sido lacerado e golpeado durante os anos do seu matrimonio.
Até agora. Até que Laura
chegou. Doce, delicada e pequena. Laura estaba de visita na súa casa e era todo
o contrario da súa esposa: Laura era fráxil e miúda, adorablemente indefensa e
doce. Estaba tolo por ela e sabía que era a súa salvación. Ao casar con Laura,
sería novamente un home. Estaba seguro de que casaría con el; tiña que facelo,
era a súa única esperanza. Tiña que gañar, non importaba o que a súa esposa
dixera ou fixera.
Bañouse e vestiuse rapidamente,
temendo a próxima escena coa súa esposa, ansioso de afrontala co pouco valor
que lle quedaba. Baixou as escaleiras e atopouna
soa, almorzando na mesa. Ela
levantou os ollos e comentou:
—Bos
días, meu. Laura rematou de almorzar, e saíu
dar un paseo. Pedinlle que o fixera para poder falar contigo a soas...
Ben, pensou el sentando no lado
oposto. A súa esposa notou o que lle ocorría e tratou de facilitar as cousas
traendo o asunto a colación.
—William, quero divorciarme. Sei
que isto será un golpe para ti, pero... Laura e eu estamos namoradas e imos
marchar xuntas, lonxe de aquí.
FREDRIC
BROWN. Pesadelos
e Geezenstacks.
Ningún comentario:
Publicar un comentario