ADELA ZAMUDIO (Cochabamba, 1854-1928) foi una escritora boliviana, pioneira do feminismo. Foi autora de ensaios literarios, pedagóxicos e políticos, así como novelista, contista, dramaturga e poeta de preocupación social e angustia filosófica. Como educadora, foi profesora e directora da primeira escola laica de Bolivia. Atacou o ensino relixioso, o crego corrupto, os costumes sociais, a hipocrisía... Defendeu o matrimonio civil e desenvolveu un significativo labor sociocultural en prol da emancipación da muller, desafiando a sociedade conservadora que a rodeaba, escandalizada coas súas ideas –daquela revolucionarias– na loita pola igualdade de sexos. En 1926 o presidente coroou en Cochabamba a Adela Zamudio, recoñecéndoa como a máis elevada expoñente da cultura en Bolivia. O 11 de outubro, data do seu nacemento, celébrase o Día da Muller Boliviana.
“Nacer Home” reflicte a indignación de vivir baixo o sistema patriarcal. Denuncia a marxinación social, cultural e política que vivía a muller no século XIX.
NACER HOME
Canto traballo ela pasa
por corrixir a torpeza
do seu home, e na casa,
(permitide que me asombre)
tan vaidoso coma inepto
segue sendo el o cabeza,
porque é home.
Se algunha versos escribe
⁃ "De algún estes versos son,
que ela só os subscribe”;
(permitide que me asombre)
Se ese algún non é poeta,
por que tal suposición?
⁃ Porque é home.
Unha muller superior
nas eleccións non vota,
e vota o canalla peor;
(permitide que me asombre)
con só saber asinar
pode votar un idiota,
porque é home.
El abátese e bebe ou xoga
nun revés da súa sorte;
ela sofre, loita e roga;
ela chámase “ser débil”,
el apelídase “ser forte”
porque é home.
Ela debe perdoar
ao seu home se lle é infiel;
mais, el pódese vingar;
(permitide que me asombre)
pois nun caso semellante
até pode el matar,
porque é home.
Oh, mortal!
Oh mortal privilexiado,
que de perfecto e cabal
gozas seguro renome!
Para iso, que lle abasta?
Nacer home.
Ningún comentario:
Publicar un comentario