27/08/22

Conto policial

De camiño á tenda na que traballaba como vendedor, un mozo pasaba todos os días por diante dunha casa en cuxo balcón unha fermosísima muller estaba a ler un libro. A muller nunca lle botou unha ollada. Unha vez o mozo escoitou dous clientes da tenda falando daquela muller. Dicían que vivía soa, que era moi rica e que gardaba na súa casa grandes cantidades de diñeiro, ademais de xoias e pratería. Unha noite o mozo, armado cun pico e unha lanterna sen brillo, entrou furtivamente na casa da muller. A muller espertou, comezou a berrar e o mozo atopouse coa dolorosa necesidade de matala. Fuxiu sen ter sido quen de roubar nin un alfinete, pero co consolo de que a policía non descubriría o autor do crime. Á mañá seguinte, cando entrou na tenda, a policía detívoo. Asombrado pola incrible sagacidade da policía, confesou todo. Máis tarde sabería que a muller levaba un diario íntimo no que escribira que o vendedor da tenda da esquina, bo mozo e de ollos verdes, era o seu amante e que ía visitala esa noite.

(Marco Denevi. Cartas perigosas e outras historias)

Ningún comentario:

Publicar un comentario