Fadwa Tuqan (1917-2003)
Coñecida como a "Poeta de Palestina", pertenceu ao primeiro grupo de mulleres que no mundo árabe empezou a escribir poesía a mediados do século XX. Foi pioneira no uso do verso libre. Os seus primeiros poemas falaban da súa loita persoal como muller na sociedade árabe. A partir de 1967 coa ocupación dos territorios palestinos tras a Guerra dos Seis Días, a súa obra decantouse cara a unha poesía patriótica e de protesta social e volveu á versificación tradicional. A opresión que exercía o seu pai na súa vida agora víase substituída por unha nova opresión política e militar, a ocupación sionista. O seu traballo foi recoñecido con diversos premios internacionais. O poeta nacional palestino Mahmoud Darwish, chamouna "a nai da poesía palestina".
DORES DE PARTO
O vento arrastra pole pola noite
sobre as ruínas das casas e campos.
A terra treme de amor,
coa dor de parir,
pero o verdugo quere
que creamos historias
de rendición
e submisión.
Oh, aurora nosa!
Cóntalle ao usurpador
como son os tremores do parto,
a dor do corpo da nai,
como a terra chea de cicatrices
estrea vida no intre do albor,
como a rosa florece
no sangue
das feridas.
--------------------------------
SÓ QUERO ESTAR NO SEU SEO
Só quero morrer na miña terra,
que me enterren nela,
derreterme e esvaecerme
na súa fertilidade
para resucitar como herba
na miña terra,
resucitar coma unha flor
que un neno maior
desfolla no meu país.
Só quero estar no corazón
da miña terra
sendo terra,
herba
ou flor.
A noite e os xenetes (1969).
--------------------------------
Ningún comentario:
Publicar un comentario