Había unha
vez seis cegos que todos os días estaban sentados
á beira dun camiño e vivían da
caridade dos viandantes.
Un día
oíron barullo de xente que
pasaba polo camiño e preguntaron que estaba acontecendo. Unha muller contoulles que conducían un elefante
para traballar nun bosque de alí cerca.
A miúdo oíran falar dos elefantes,
pero nunca viran un. Como ían poder, pois eran cegos?
Pediron á
muller que os avisara cando o elefante se achegara,
e, cando o fixo, os cegos saíron á
estrada e chamaron ao dono. Pedíronlle que se detivese un momento para eles
poderen ver o grande animal. No podían velo cos ollos, pero pensaron que se o
tocaban coas mans poderían saber que aspecto tiña.
O primeiro
pousou a man nun lateral do elefante. "Ben,
ben –dixo–.
Agora
xa sei como é este animal: é idéntico a unha parede".
O segundo
foi dar cun dos dous dentes incisivos que sobresaen da boca do elefante. “Irmán –dixo–.
Estás
equivocado. É redondo, liso e coa punta afiada. Asemella
máis
unha lanza ca calquera outra cousa“.
O terceiro
agarrou a longa trompa do elefante. "Ambos
os dous andades errados –dixo –. Calquera que teña dous dedos de
fronte pode deducir que un elefante asemella unha gorda serpe".
O cuarto
estendeu os brazos e chantounos arredor dunha das patas do elefante. "Oh, que cegos sodes! –dixo–.
Para min está moi claro que é redondo e
alto coma unha árbore".
O quinto
home era moi alto e cadroulle agarrar unha das enormes orellas do elefante. “Mesmo sen ollos, deberiades poder
ver que este animal non é como ningunha das cousas que nomeades –dixo–.
Ten
toda a pinta dun grande abano".
O sexto
home, que era moi vello e lento, botou un tempo antes de poder atopar o
elefante. Por fin, pillou
o rabo do animal. "Oh,
homes necios!
–berrou–.
Hoxe estades apaiolados. Este elefante
nin asemella un muro, nin unha lanza, nin unha serpe nin unha árbore; e menos
un abano. Calquera que o vexa debe sabelo: asemella unha corda".
Despois o elefante
seguiu adiante. Os seis cegos sentaron á beira do camiño e botaron alí todo o día
defendendo as súas opinións. Non se deron posto de acordo e chegaron a
insultarse por teren percepcións
diferentes. Todos e cada un crían saber a verdade, pero todos estaban errados
porque só coñecían unha parte dela.
As veces, tamén as persoas que teñen vista actúan coma parvos.
JAMES BALDWIN.
The Blind Men and the Elephant.
Versión dun conto tradicional hindú.
James Baldwin (1924-1987) foi un escritor neoiorquino, activista polos dereitos civís. As súas novelas exploran os temas da identidade colectiva e denuncian as presións sociais contra negros e homosexuais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario