05/12/21

Alfonsina

Á muller que pensa sécanselle os ovarios. Nace a muller para producir leite e bágoas, non ideas; e non para vivir a vida senón para espiala desde as xanelas a medio pechar. Mil veces explicáronllo e Alfonsina Storni nunca o creu. Os seus versos máis difundidos protestan contra o macho aprisionador. 


Cando hai anos chegou a Buenos Aires desde provincias, Alfonsina traía uns vellos zapatos de tacóns tortos e no ventre un fillo sen pai legal. 


Nesta cidade traballou no que había; e roubaba formularios do telégrafo para escribir as súas tristezas. 

Mentres puía as palabras, verso a verso, noite a noite, cruzaba os dedos e bicaba as barallas que anunciaban viaxes e herdanzas e amores. 


O tempo pasou, case un cuarto de século; e nada lle regalou a sorte. Pero pelexando a brazo aberto, Alfonsina foi capaz de abrirse paso no masculino mundo. A súa cara de ratiña travesa nunca falta nas fotos que congregan aos escritores arxentinos máis ilustres. 


Este ano, no verán, soubo que tiña cancro. Desde entón escribe poemas que falan do abrazo do mar e da casa que a espera alá no fondo, na avenida das madréporas.



Eduardo Galeano. Mujeres. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario