Na época vitoriana non se podían mencionar os pantalóns en presenza dunha “señorita”. Neste momento, non queda ben dicir certas cousas en presenza da opinión pública: o capitalismo loce o nome artístico de economía de mercado; o imperialismo chámase globalización; as vítimas do imperialismo chámanse países en vías de desenvolvemento, que é como chamar nenos aos ananos; o oportunismo chámase pragmatismo; a traizón chámase realismo; os pobres chámanse carentes, ou de escasos recursos; a expulsión dos nenos pobres do sistema educativo coñécese baixo o nome de deserción escolar; o dereito do patrón a despedir ao obreiro sen indemnización nin explicación chámase flexibilización do mercado laboral; a linguaxe oficial recoñece os dereitos das mulleres, entre os dereitos das minorías, coma se a metade masculina da humanidade fose a maioría; en lugar de ditadura militar, dise proceso; ás torturas chámase premas ilegais, ou tamén presións físicas e psicolóxicas; cando os ladróns son de boa familia, non son ladróns, senón cleptómanos; o saqueo dos fondos públicos polos políticos corruptos responde ao nome de enriquecemento ilícito; chámanse accidentes aos crimes que cometen os automóbiles; para dicir cegos, dise non videntes; un negro é un home de cor; onde di longa e penosa enfermidade, debe lerse cancro ou sida; repentina doenza, significa infarto; nunca se di morte, senón desaparición física: tampouco son mortos os seres humanos aniquilados nas operacións militares: os mortos en batallas son baixas, e os civís que lla ligan sen comela nin bebela son, danos colaterais: en 1995, cando as explosións nucleares de Francia no Pacífico sur, o embaixador francés en Nova Zelandia declarou: "Non me gusta esa palabra bomba. Non son bombas. Son artefactos que explotan".
Eduardo Galeano: Patas arriba. La escuela del mundo al revés.
Ningún comentario:
Publicar un comentario