29/12/12

Hai metafísica bastante en non pensar en nada

Fernando Pessoa (1888-1935)
(Fotomontaxe do Obradoiro de Xornalismo do ENL)


Hai metafísica bastante en non pensar en nada.
Que penso eu do mundo?
Que sei eu o que penso do mundo!
Se eu enfermase pensaría niso.

Que idea teño eu das cousas?
Que opinión teño sobre as causas e os efectos?
Que teño eu meditado sobre Deus e a alma
e sobre a creación do Mundo?
Non sei. Para min pensar niso é fechar os ollos
e non pensar. É correr as cortinas
da miña xanela (mais ela non ten cortinas).

O misterio das cousas? Que sei eu o que é misterio!
O único misterio é que haxa quen pense no misterio.
Quen está ao sol e fecha os ollos,
comeza a non saber o que é o sol
e a pensar moitas cousas cheas de calor.
Mais abre os ollos e ve o sol,
e xa non pode pensar en nada,
porque a luz do sol vale mais cós pensamentos
de todos os filósofos e de todos os poetas.
A luz do sol non sabe o que fai
e por iso non erra e é común e boa.

Metafísica? Que metafísica teñen aquelas árbores?
A de seren verdes e copadas e de teren ramos
e a de dar froito na súa hora, o que non nos fai pensar,
a nós, que non sabemos dar por elas.
Mais que mellor metafísica que a delas,
que é a de non saber para que viven
nin saber que nin o saben?

«Constitución íntima das cousas»...
«Sentido íntimo do Universo»...
Todo isto é falso, todo isto non quere dicir nada.
É incrible que se poida pensar en cousas desas.
É como pensar en razóns e fins
cando o comezo da mañá está raiando,
e polos lados das árbores
un vago ouro lustroso vai perdendo a escuridade.

Pensar no sentido íntimo das cousas
é acrecentado, como pensar na saúde
Ou levar un vaso á auga das fontes.
O único sentido íntimo das cousas
é elas non teren sentido íntimo ningún.

Non creo en Deus porque nunca o vin.
Se el quixese que eu crese nel,
sen dúbida que viría falar comigo
e entraría pola miña porta dentro
dicíndome: Aquí estou!

(Isto é talvez ridículo aos ouvidos
De quen, por non saber o que é ollar para as cousas,
Non comprende a quen fala delas
co modo de falar que reparar para elas ensina.)

Mais se Deus é as flores e as árbores
e os montes e sol e o luar,
entón creo nel,
entón creo nel a todas horas,
e a miña vida é toda unha oración e unha misa,
e unha comuñón cos ollos e polos ouvidos.

Mais se Deus é as árbores e as flores
e os montes e o luar e o sol,
para que lle chamo eu Deus?
Chámolle flores e árbores e montes e sol e luar;
porque, se el se fixo, para eu o ver,
sol e luar e flores e árbores e montes,
se el me aparece sendo como árbores e montes
e luar e sol e flores,
É que el quere que eu o coñeza
como árbores e montes e flores e luar e sol.

E por iso eu obedézolle,
(Que mais sei eu de Deus que Deus de si mesmo?),

Obedézolle a vivir, espontaneamente,
como quen abre os ollos e ve,
e chámolle luar e sol e flores e árbores e montes,
e ámoo sen pensar nel, e pénsoo vendo e ouvindo,

e ando con el a todas horas.

Alberto Caeiro (heterónimo de Fernando Pessoa): O Guardador de rebanhos (1925). Poema escrito en 1914.

Ningún comentario:

Publicar un comentario