03/03/13

Paradoxos andantes, paradoxos estimulantes


Á esquerda, Reinhardt, xenial guitarrista nado en
Bélxica, alcumado “o xitano dos dedos de ouro“;
Arriba, á dereita, Marco Polo, mercader e viaxeiro
veneciano, autor dun dos máis importantes docu-
mentos medievais; abaixo, Antônio Fco. Lisboa, o
Aleijadinho. Este alcume (diminutivo de “eivado”)
levouno o escultor por unha doenza dexenerativa ,
quizais a lepra, que o obrigou a traballar coas
ferramentas fortemente amarradas ás súas mans.

O Aleijadinho, o home máis feo do Brasil, creou as máis fermosas esculturas da era colonial americana.

O libro de viaxes de Marco Polo, aventura da liberdade, foi escrito no cárcere de Xénova.

Don Quixote da Mancha, outra aventura da liberdade, naceu no cárcere de Sevilla.

Foron netos de escravos os negros que xeraron o jazz, a máis libre das músicas.

Un dos mellores guitarristas de jazz, o xitano Django Reinhardt, tiña non máis que dous dedos na súa man esquerda.

Non tiña mans Grimod de la Reynière, o grande mestre da cociña francesa. Con ganchos escribía, cociñaba e comía.


Eduardo Galeano. Espejos. Una historia casi universal (2008)

17/02/13

Aparición urbana

Cabalo do Guernica de Picasso. O cabalo do 
poema "Aparición urbana" de Girondo morrera 
nun accidente de tráfico no medio da cidade.

Xurdiu debaixo da terra?
Desprendeuse do ceo?

Estaba entre os ruídos,
ferido,
malferido,
inmóbil,
en silencio,
fincado ante a tarde,
ante o inevitable,
as veas adheridas
ao espanto,
ao asfalto,
coas súas crinas caídas,
cos seus ollos de santo,
todo, todo espido,
case azul, de tan branco.

Falaban dun cabalo.
Eu creo que era un anxo.


Oliverio Girondo, "Persuasión de los días" (1942)


27/01/13

Continuidade nos parques

O escritor arxentino
Julio Cortázar
 (19141984)











Empezara a ler a novela uns días antes. Abandonouna por negocios urxentes, volveu abrila cando regresaba en tren á finca; deixábase interesar lentamente pola trama, polo debuxo dos personaxes. Esa tarde, logo de escribir unha carta ao seu apoderado e discutir co mordomo unha cuestión de parcerías volveu ao libro na tranquilidade do estudio que miraba cara ao parque dos carballos. Apoltronado na súa butaca favorita de costas á porta que o puidese molestar como unha irritante posibilidade de intrusións, deixou que a súa man esquerda acariñase unha e outra vez o veludo verde e púxose a ler os derradeiros capítulos.

A súa memoria retiña sen esforzo os nomes e as imaxes dos protagonistas; a ilusión novelesca gañouno case deseguido. Gozaba do pracer case perverso de irse esgallando liña a liña do que o rodeaba, e sentir á vez que a súa cabeza descansaba comodamente no veludo do alto respaldo, que os cigarros seguían ao alcance da man, que máis aló das xanelas danzaba o ar do lusco fusco baixo os carballos. Palabra a palabra, absorbido pola sórdida disxuntiva dos heroes, deixándose ir cara ás imaxes que se concertaban e adquirían cor e movemento, foi testemuña do último encontro na cabana do monte. Primeiro entraba a muller, receosa; agora chegaba o amante, mancada a cara polo lategazo dunha póla. Admirablemente detiña ela o avance do sangue cos seus bicos, pero el rexeitaba as caricias, non viñera para repetir as cerimonias dunha paixón secreta, protexida por un mundo de follas secas e carreiros furtivos. O puñal entibiábase contra o seu peito, e debaixo latexaba a liberdade acazapada. Un diálogo axitado corría polas páxinas como un arroio de serpes, e sentíase que todo estaba decidido desde sempre. Até eses aloumiños que enredaban o corpo do amante como querendo retelo e disuadilo, debuxaban atrozmente a figura doutro corpo que era necesario destruír. Nada fora esquecido: coartadas, azares, posibles erros. A partir desa hora cada instante tiña o seu emprego minuciosamente asignado. O dobre repaso desapiadado interrompíase apenas para que unha man acariñase unha fazula. Empezaba a anoitecer.

Sen mirarse xa, atados rixidamente á tarefa que os esperaba, separáronse na porta da cabana. Ela debía seguir pola senda que ía ao norte. Desde a senda oposta el volveuse un instante para vela correr co pelo solto. Correu á súa vez, parapetándose nas árbores e as sebes, até distinguir na brétema malva do solpor a arboreda que levaba á casa. Os cans non debían ladrar, e non ladraron. O mordomo non estaría a esa hora, e non estaba. Subiu os tres chanzos do soportal e entrou. Desde o sangue galopando nos seus oídos chegábanlle as palabras da muller: primeiro unha sala azul, despois unha galería, unha escaleira alfombrada. No alto, dúas portas. Ninguén na primeira habitación, ninguén na segunda. A porta do salón, e entón o puñal na man, a luz das xanelas, o alto respaldo dunha butaca de veludo verde, a cabeza do home na butaca lendo unha novela.

Julio Cortázar. Final del juego (1956)

09/01/13

Concepción Arenal. Case unha lenda.

A profesora Ángeles Seoane ten publicada na revista "Ferrol Jurídico" (que edita o Ilustre Colexio de Avogados da cidade) unha interesante biografía da ferrolá máis insigne, dona Concepción Arenal. A figura desta muller, socióloga, penalista, ensaísta, publicista e periodista, está, como sabedes, moi ligada ao noso centro. Así que en “Fóra de portas” traducimos o artigo co permiso da autora e fixemos a presentación que podedes ver a continuación. Ocupa o período comprendido entre 1820 e 1948, a primeira parte da súa vida.

05/01/13

Canción africana

Retrato de muller negra. Maruxa Mallo
Gústame moito compartir unha historia que conta a poetisa africana Tolba Phanem, porque permite, cun exemplo concreto, entender o que significa “recuperar unha respiración de alma” e entendermos que se pode circular por unha vía moi diferente á que se nos fai crer como inevitábel [...]

Cando unha muller en certa tribo de África sabe que está embarazada, intérnase na selva con outras mulleres e xuntas rezan e meditan ata que aparece a canción do neno. Elas saben que cada alma ten a súa propia vibración que expresa a súa particularidade, unicidade e propósito. As mulleres atopan a súa canción, entóana e cantan en voz alta. Logo retornan á tribo e ensínanlla a todos os demais. Cando nace o neno, a comunidade xúntase e cantan a súa canción. Máis tarde, cando o neno vai comezar a súa educación, o pobo xúntase e cántalle a súa canción. Cando se inicia como adulto, novamente xúntanse todos e cántanlle. Cando chega o momento do seu casamento, a persoa escoita a súa canción na voz do seu pobo. Finalmente, cando a alma se vai ir deste mundo, a familia e os amigos achéganse á cama e do mesmo xeito que fixeron no seu nacemento, cántanlle a súa canción para acompañalo na viaxe.

Nesta tribo hai unha ocasión máis na que os poboadores cantan a canción. Se nalgún momento da súa vida a persoa comete un acto social aberrante, lévana ao centro e toda a xente da súa comunidade forma un círculo ao seu arredor. Entón… cántanlle a súa canción. A tribo sabe que a corrección para as condutas antisociais non é o castigo, senón o amor e o recordo da súa verdadeira identidade. Cando recoñecemos a nosa propia canción xa non temos desexos nin necesidade de facer nada que poida danar a outros. Os teus amigos coñecen a túa canción e cántanche cando a esqueciches. Aqueles que te aman non poden ser enganados polos erros que cometes ou as escuras imaxes que ás veces amosas aos demais. Eles recordan a túa beleza cando te sentes feo, a túa totalidade cando estás quebrado, a túa inocencia cando te sentes culpábel, o teu propósito cando estás confundido. Non necesito unha garantía asinada para saber que o sangue das miñas veas é da terra e sopra na miña alma coma o vento, refresca o meu corazón como a chuvia e limpa a miña mente como o fumo do lume sagrado”.
Nin o poder nin o prestixio nin o diñeiro garanten a supervivencia de ningún idioma humano no movemento carcerario dun círculo vicioso […] Ese modesto idioma africano non está en risco mentres manteña como función nuclear a de crear/recrear a canción. 
A saída prodúcese atopando a nosa canción. Entre todos a de todos, cada un a súa, entre varios a da nosa lingua.

JOSÉ Mª SÁNCHEZ CARRIÓN, “(Re)pensar o discurso”. Unha outra guía para a intervención lingüística, UDC, 2011.


Sánchez Carrión, «Txepetx»  (1952), destacado lingüista experto en vasco, español e inglés. As súas principais áreas de investigación céntrase na sociolingüística e na vida das linguas, cunha especial preocupación cara as linguas minorizadas.

04/01/13

África miña

Conferencia de Berlín sobre
o reparto de África

















A fins do século dezanove, as potencias coloniais europeas reuníronse, en Berlín, para repartirse África. Foi longa e dura a pelexa polo botín colonial, as selvas, os ríos, as montañas, os solos, os subsolos, até que as novas fronteiras foron debuxadas e no día de hoxe de 1885 asinouse, en nome de Deus Todopoderoso, a acta Xeral.

Os amos europeos tiveron o bo gusto de non mencionar o ouro, os diamantes, o marfil, o petróleo, o caucho, o estaño, o cacao, o café nin o aceite de palma; prohibiron que a escravitude fose chamada polo seu nome; chamaron sociedades filantrópicas ás empresas que proporcionaban carne humana ao mercado mundial; advertiron que actuaban movidos polo desexo de favorecer o desenvolvemento do comercio e da Civilización e, por si houbese algunha dúbida, aclararon que actuaban preocupados por aumentar o benestar moral e material das poboacións indíxenas.

Así Europa inventou o novo mapa do África. Ningún africano estivo, nin de adorno, nesa xuntanza cume.


Eduardo Galeano. Los hijos de los días.

02/01/13

O traballo nº 13 de Hércules

François Boucher: "Hércules e Onfalia", 1730 (fragmento)
Segundo o apócrifo Apolodoro da Biblioteca, “Hércules hospedouse durante cincuenta días en casa dun tal Tespio, quen era pai de cincuenta fillas a todas as cales, unha por unha, foi poñendo no leito do heroe porque quería que este lle dese netos que herdasen a súa forza. Hércules, crendo que eran sempre a mesma, amounas a todas”.
O pormenor que Apolodoro ignora ou pasa por alto é que as cincuenta fillas de Tespio eran virxes. Hércules, curto de entendemento como todos os forzudos, sempre creu que o máis arduo dos seus traballos fora desflorar á única filla de Tespio.

Marco Denevi. Falsificaciones. 1966.

Con saias e a rachar


Joe E. Brown ("Osgood") e Jack
Lemmnon ("Jerry"/"Dafne") 



















 Osgood : Falei por teléfono con mamá. Estaba tan feliz que chorou! Quere que leves o seu vestido de noiva. É de encaixe branco.

Daphne: Osgood, non podo casar co vestido da túa nai. Ela e mais eu non temos o mesmo corpo.

Osgood : Mandámolo amañar.

Dafne: Oh, non o farás! Osgood, hei de ser sincera contigo... ti e mais eu non podemos casar de ningunha maneira!

Osgood: Por que non?

Dafne: Pois... ¡Primeiro, porque non son loira natural!

Osgood (sorrí): Non me importa.

Dafne: E... fumo! Fumo moitísimo!

Osgood: Éme igual.

Dafne: Teño un horrible pasado. Desde hai tres anos estou vivindo cun saxofonista.

Osgood: Perdóocho.

Dafne: Eu nunca poderei ter fillos

Osgood: Podemos adoptalos.

Dafne: Pero non comprendes, Osgood! (desesperado, saca a perruca e cambia á voz masculina) Ohhh! Son un home!

Osgood: (Mira para el e vólvese, imperturbable): Ben, ninguén é perfecto!


Diálogo final de “Some Like It Hot” (1959). Adaptación de Billy Wilder e I.A.L. Diamond sobre un texto orixinal de Robert Thoeren e Michael Logan.

30/12/12

Lágrima de negra


Maruxa Mallo. Cabeza de Muller. 1946

Encontrei unha negra
que estaba a chorar
pedinlle unha lágrima
para a analizar.

Recollín a bágoa
con todo o coidado
nun tubo de ensaio
ben esterilizado.

Olleina dun lado
do outro e de fronte
tiña un ar de gota
moi transparente.

Mandei vir os ácidos
as bases e os sales
as drogas usadas
en situacións tales.

Ensaiei en frío
experimentei ao lume
e todas as veces
deume o que é costume:

Nin sinais de negro
nin vestixios de odio,
auga (case todo)
e cloruro de sodio.


António Gedeão

Só se o rei deixase

Na Inglaterra medieval a practica sexual común entre homes e mulleres era considerada pecaminosa, polo que carecía de autorización real ou de quen representase ese poder supremo. Só os membros da aristocracia, e en particular da familia real, estaban dispensados dese requisito. Así, quen pretendía desenvolver actividade sexual con finalidade reprodutiva, debía solicitar esa autorización previa, sendo fixada na porta da respectiva casa unha placa onde se lía “Fornication Under Consent of the King”, que deu orixe, en canto sigla, á correntísima, e non por iso menos obscena, palabra “Fuck”, omnipresente sobre todo nos filmes de acción e outros producidos en Hollywood.


JOSÉ JORGE LETRIA: A Historia pelo buraco da fechadura (2011)

Un pene voador


Figura pompeiana. Museo de Nápoles



A cidade romana de Pompeia, destruída por unha violenta erupción do Vesubio, tiña como símbolo, arestora desaparecido, un pene con dúas ás. Este símbolo correspondía á licenciosidade dos costumes na cidade, onde proliferaban os prostíbulos e as prostitutas e onde a idea de pracer estaba omnipresente.

JOSÉ FORGE LETRIA: A Historia pelo buraco da fechadura

Sete contos hiperbreves


Relato de Luis Felipe G. Lomelí e gravado de Luís Seoane.
Este relato, de catro palabras, é máis breve que existe.


“O DINOSAURO”

Cando espertou, o dinosauro aínda estaba alí.

Augusto Monterroso
------------------

“A CULTA DAMA”

Pregunteille á culta dama se coñecía o conto de Augusto Monterroso titulado “O dinosauro”.
—Ah, é unha delicia —respondeume—, xa o estou lendo.

José de la Colina
------------------

“A DERRADEIRA CEA”

O conde invitoume ao seu castelo. Naturalmente eu levarei a bebida.

Ángel García Galiano
------------------

“AUTOBIOGRAFÍA”

Fracasei. Son, como todo o mundo sabe, un perfecto descoñecido.

Jaime Muñoz Vargas
------------------

“O ADIVIÑO”

En Sumatra, alguén quere doutorarse de adiviño. O bruxo examinador pregúntalle se será reprobado ou se pasará. O candidato responde que será reprobado..

Jorge Luis Borges
------------------

“O HOME INVISIBLE”

Aquel home era invisible, pero ninguén se decatou.

Gabriel Jiménez Emán

29/12/12

Palabras parcas


Abelardo, Arsaín, astuto avogado arxentino, asasino agudo, aposto, áxil aerobista acicalado. Atento. Amable. Amigo asiduo, afectuoso, asexante. Ambicioso. Amante ardente, aceso. Autoritario. Abrazos asfixiantes, ansiosos, asustados. Aluvión apagado, artefacto abrandado, apoucado. Agravado. Altamente agresivo, ao asexo. Abelardo Arsaín. Arma ao alcance, arremete arteiro, ataca arrabiado, asasina. Atrapado. Absolto: autodefensa. ¡Ai! Luisa
Valenzuela: Juego de villanos, 2008.

Tamén os bancos son mortais

    
John Bull, personificación do Reino
Unido, particularmente de Inglaterra.

Todo verdor perecerá, anunciara a Biblia.

En 1995, o Banco Barings, o máis antigo de Inglaterra, caeu en bancarrota. Unha semana despois, foi vendido por un prezo total dunha (1) libra esterlina.

Este banco fora o brazo financeiro do imperio británico.

A independencia e a débeda externa naceron xuntas en América Latina. Todos nacemos debendo. Nas nosas terras, o Banco Barings mercou países, alugou próceres, financiou guerras.

E creuse inmortal.

Eduardo Galeano. Los hijos de los días.

Hai metafísica bastante en non pensar en nada

Fernando Pessoa (1888-1935)
(Fotomontaxe do Obradoiro de Xornalismo do ENL)


Hai metafísica bastante en non pensar en nada.
Que penso eu do mundo?
Que sei eu o que penso do mundo!
Se eu enfermase pensaría niso.

Que idea teño eu das cousas?
Que opinión teño sobre as causas e os efectos?
Que teño eu meditado sobre Deus e a alma
e sobre a creación do Mundo?
Non sei. Para min pensar niso é fechar os ollos
e non pensar. É correr as cortinas
da miña xanela (mais ela non ten cortinas).

O misterio das cousas? Que sei eu o que é misterio!
O único misterio é que haxa quen pense no misterio.
Quen está ao sol e fecha os ollos,
comeza a non saber o que é o sol
e a pensar moitas cousas cheas de calor.
Mais abre os ollos e ve o sol,
e xa non pode pensar en nada,
porque a luz do sol vale mais cós pensamentos
de todos os filósofos e de todos os poetas.
A luz do sol non sabe o que fai
e por iso non erra e é común e boa.

Metafísica? Que metafísica teñen aquelas árbores?
A de seren verdes e copadas e de teren ramos
e a de dar froito na súa hora, o que non nos fai pensar,
a nós, que non sabemos dar por elas.
Mais que mellor metafísica que a delas,
que é a de non saber para que viven
nin saber que nin o saben?

«Constitución íntima das cousas»...
«Sentido íntimo do Universo»...
Todo isto é falso, todo isto non quere dicir nada.
É incrible que se poida pensar en cousas desas.
É como pensar en razóns e fins
cando o comezo da mañá está raiando,
e polos lados das árbores
un vago ouro lustroso vai perdendo a escuridade.

Pensar no sentido íntimo das cousas
é acrecentado, como pensar na saúde
Ou levar un vaso á auga das fontes.
O único sentido íntimo das cousas
é elas non teren sentido íntimo ningún.

Non creo en Deus porque nunca o vin.
Se el quixese que eu crese nel,
sen dúbida que viría falar comigo
e entraría pola miña porta dentro
dicíndome: Aquí estou!

(Isto é talvez ridículo aos ouvidos
De quen, por non saber o que é ollar para as cousas,
Non comprende a quen fala delas
co modo de falar que reparar para elas ensina.)

Mais se Deus é as flores e as árbores
e os montes e sol e o luar,
entón creo nel,
entón creo nel a todas horas,
e a miña vida é toda unha oración e unha misa,
e unha comuñón cos ollos e polos ouvidos.

Mais se Deus é as árbores e as flores
e os montes e o luar e o sol,
para que lle chamo eu Deus?
Chámolle flores e árbores e montes e sol e luar;
porque, se el se fixo, para eu o ver,
sol e luar e flores e árbores e montes,
se el me aparece sendo como árbores e montes
e luar e sol e flores,
É que el quere que eu o coñeza
como árbores e montes e flores e luar e sol.

E por iso eu obedézolle,
(Que mais sei eu de Deus que Deus de si mesmo?),

Obedézolle a vivir, espontaneamente,
como quen abre os ollos e ve,
e chámolle luar e sol e flores e árbores e montes,
e ámoo sen pensar nel, e pénsoo vendo e ouvindo,

e ando con el a todas horas.

Alberto Caeiro (heterónimo de Fernando Pessoa): O Guardador de rebanhos (1925). Poema escrito en 1914.

28/12/12

Breve historia do viño

Maruxa Mallo: "Acio de uvas"
Dúbidas razoables impídennos saber se Adán foi tentado por unha mazá ou por unha uva.

Sabemos, en cambio, que houbo viño neste mundo desde a idade de pedra, cando as uvas xa fermentaban sen axuda de ninguén.

Antigos cánticos chineses recetaban o viño para aliviar as dolencias dos tristes. Os egipcios crían que o Deus Horus tiña un ollo de sol e outro de lúa, e o ollo de lúa choraba bágoas de viño, que os vivos bebían para durmir e os mortos para espertar. Unha vide era o emblema do poder de Ciro, rei dos persas, e o viño regaba as festas dos gregos e dos romanos. Para celebrar o amor humano, Xesús converteu en viño a auga de seis tellas. Foi o seu primeiro milagre.



Eduardo Galeano: Espejos.

O drama do desencantado

... o drama do desencantado que se lanzou á rúa desde o décimo andar, e a medida que caía ía vendo a través das fiestras a intimidade dos seus veciños, as pequenas traxedias domésticas, os amores furtivos, os breves instantes de felicidade, cuxas noticias non chegaran nunca até a escaleira común, de modo que no instante de rebentarse contra o pavimento da rúa cambiara por completo a súa concepción do mundo, e chegara á conclusión de que aquela vida que abandonaba para sempre pola porta falsa pagaba a pena de ser vivida.

Gabriel García Márquez

24/12/12

Nadal é cando a xente quixer

Ti que dormes a noite na calzada de relento
nunha cama de chuvia con sabas feitas de vento
Ti que tes o Nadal da soidade, do sufrimento
es meu irmán, amigo
es meu irmán.

E ti que dormes só no pesadelo do ciume
nunha cama de rabia con sabas feitas de lume
e sofres o Nadal da soidade sen un queixume
es meu irmán, amigo
es meu irmán.

Nadal é en decembro
mais en maio pode ser
Nadal é en setembro
e cando a xente quixer.
Nadal é cando nace unha vida a amencer
Nadal é sempre o froito que hai no ventre da muller.

Ti que inventas tenrura e xoguetes para dar,
ti que inventas bonecas e tamén trens de luar,
e mentes ao teu fillo por non os poder comprar
es meu irmán, amigo
es meu irmán.

E ti que a túa fame no escaparate ves
rebandas de tristeza no alegre roscón de reis
pos un sabor amargo en cada doce que eu comprei
es meu irmán, amigo
es meu irmán.

Nadal é en decembro
mais en maio pode ser
Nadal é en setembro
e cando a xente quixer.
Nadal é cando nace unha vida a amencer
Nadal é sempre o froito que hai no ventre da muller.

José Carlos Ary dos Santos

22/12/12

Por escrito galiña unha

Con o que pasa é nosoutras encomiable. Rapidamente do apoderamos mundo nos. Hurra! Era un inofensivo aparentemente cohete lanzado Cañaveral americanos Cabo desde polos. Razóns por descoñecidas órbita da desviouse, e probablemente algo ao rozar invisible terra devolveuno a. Crista caeunos na paf, e mutación en golpe entramos de. Axiña a multiplicar aprendendo de táboa estamos, dotadas moi literatura para a historia da somos, química menos un pouco, desastre agora até cos deportes un, non importa pero: das será galiñas cosmos o, carallo que!

Júlio Cortázar. La vuelta al día en ochenta mundos (1967). Adaptación.



Defensa da alegría

Fragmento de "Cuchufelho" de Leandro Lamas


Defender a alegría como unha trincheira 
defendela do escándalo e a rutina
da miseria e os miserables
das ausencias transitorias
e as definitivas
defender a alegría como un principio
defendela do pasmo e os pesadelos
dos neutrais e dos neutróns
das doces infamias
e os graves diagnósticos

defender a alegría como unha bandeira
defendela do raio e a melancolía
dos inxenuos e dos canallas
da retórica e os paros cardíacos
das endemias e as academias

defender a alegría como un destino
defendela do lume e dos bombeiros
dos suicidas e dos homicidas
das vacacións e da angustia
da obrigación de estar alegres

defender a alegría como unha certeza
defendela do óxido e a roña
da famosa pátina do tempo
do relento e do oportunismo
dos proxenetas da risa

defender a alegría como un dereito
defendela de deus e do inverno
das maiúsculas e da morte
dos apelidos e as mágoas
do azar
e tamén da alegría.

Mario Benedetti. Cotidianas (1979)