13/03/18

EU


Eu,
remeira de barcas
rameira de homes
romeira de almas
rimeira de versos,
Ramona,
pra servilos.

GLORIA FUERTES

NACÍN PARA POETA OU PARA MORTO














Nacín para poeta ou para morto,
escollín o difícil
-sobrevivo de todos os naufraxios-,
e sigo cos meus versos,
viva e patexando.

Nacín para puta ou pallaso,
escollín o difícil
-facer rir aos clientes desafiuzados-,
e sigo cos meus trucos,
sacando unha pomba do refaixo.

Nacín para nada ou soldado,
e escollín o difícil
-non ser apenas nada no taboado-,
e sigo entre fusís e pistolas
sen manchar as mans. 

GLORIA FUERTES (1917-1998)

GOLEM E RABINO (IV)



-Non me obedezas! -ordenou o seu Amo ao perplexo Golem que, ansioso por cumprir a súa orde, a desobedeceu ao instante, amosándose aínda máis servil que de costume.

Ana María Shua

Artistas do trapecio



Non teñas medo, voará, herdou os nosos xenes, di o artista do trapecio. E desde o punto máis alto lanza á súa filla, un bebé aínda, polo ar, cara aos brazos da nai aterrada e infiel.

Ana María Shua

22/01/18

ESMAGAMENTO DAS GOTAS

Eu non sei, olla, é terrible como chove. Chove todo o tempo, por fóra tupido e gris, aquí contra o balcón con goteiróns calados e duros, que fan plaf e se esmagan como labazadas un detrás doutro, que fastío. Agora aparece unha pinguiña no alto do marco da fiestra, fica tremelicando contra o ceo que a esnaquiza en mil brillos apagados, vai crecendo e cambaléase, xa vai caer e non cae, aínda non cae.

Está prendida con todas as uñas, non quere caer e vese que se agarra cos dentes mentres lle medra a barriga, xa é unha gotaza que pendura maxestosa e, de súpeto, zup, alá vai, plaf, desfeita, nada, unha viscosidade no mármore.
Pero hainas que se suicidan e entréganse axiña, brotan no marco e aí mesmo tíranse, paréceme ver a vibración do salto, as súas perniñas desprendéndose e o grito que as emborracha nesa nada do caer e aniquilarse.

Tristes pingas, redondas inocentes pingas. Adeus pingas. Adeus.

JULIO CORTÁZAR. Historias de Cronopios e de Famas (1962).

CLARO QUE DOE

Claro que cando rebentan os brotes doe
Por que, se non, dubidaría a primavera?
Por que toda a nosa ardente arela
está
unida á xeada e amarga néboa?
O abrocho estivo envolto todo o inverno.
Que acontece agora? Algo que se consume e estala?
Claro que cando rebentan os
brotes doe,
doe o que crece
e o que o constrinxe.

Claro que é duro o caer das gotas,
trementes de ansiedade, prendidas penduran
ás
pólas da árbore; inchan, esvaran,
o peso púxaas
cara abaixo... Como se aferran!
Magoa a incerteza, o medo a se escindir,
magoa sentir o abismo que atrae e chama por ti,
e, aínda así, permanecer e estremecer.
Magoa querer quedar 
e querer caer.

Entón, cando todo magoa e nada axuda
a que os brotes das árbores xubilosos rebenten,
entón, cando xa ningún medo as retén,
as gotas das pólas caen relucentes,
esquecen que polo novo estaban asustadas
esquecen que pola viaxe estaban angustiadas,
e, nun segundo, senten a suprema seguranza,
descansan na confianza 
que creou o mundo.


Karin Boye, escritora sueca (1900-1941).

Autobiografía


Gloria Fuertes naceu en Madrid
aos dous días de idade,
pois foi moi laborioso o parto da miña nai
que
se se descoida morre por vivirme.
Aos tres anos xa sabía
ler
e aos seis xa sabía os meus labores.
Eu era boa e delgada,
alta e algo enferma.
Aos nove anos pilloume un carro
e aos catorce pilloume a guerra;
Aos quince morreu
a miña nai,
foise cando máis falta me facía.
Aprendín a regatear nas tendas
e a ir aos pobos por cenorias.
Por entón empecei cos amores,
-non digo nomes-,
grazas a iso, puiden aturar
a miña mocidade de barrio.
Quixen ir á guerra, para parala,
pero detivéronme a metade do camiño.
Logo saíume unha oficina,
onde traballo coma se fose parva,
-pero Deus e o mensaxeiro saben que non o
son-
Escribo polas noites
e vou ao campo moito.
Todos os meus morreron hai anos
e estou máis soa que eu mesma.
Publiquei versos en todos os calendarios,
escribo nun xornal de nenos,
e quero mercar a prazos unha flor natural
como as que lle dan a
Pemán algunhas veces.

Gloria Fuertes. Obras Incompletas (1980)

09/12/17

O PASEO REPENTINO (1913)

Cando un pola noite parece ter tomado a decisión definitiva de ficar na casa, puxo a bata, despois de cea sentou na mesa iluminada disposto a facer aquel traballo ou aquel pasatempo despois do cal un acotío vai durmir, cando fóra o tempo vai tan desapracible que o máis natural resulta quedar na casa, cando un botou quedo xa tanto tempo na mesa que irse provocaría o abraio de todos, cando xa a escada está escura e a porta da entrada fechada, e cando a pesar de todo iso, un, nunha excitación repetina, quita a bata, aparece decontado vestido para saír á rúa, explica que ten que saír e o fai despois dunha breve despedida, coidando en ter deixado unha maior ou unha menor irritación dada a rapidez coa que bate a porta da casa, cando un está de novo na rúa cos membros que responden cunha mobilidade especial por esa liberdade inesperada que lles conseguiu, cando un sente só por esa decisión que concentra en si mesmo toda a capacidade de decidir, cando un dando ao feito unha maior importancia do normal, dáse de conta que ten máis forza para provocar e soportar o máis rápido dos cambios, e cando un vai así alancando altivo polas rúas, entón un, por esa noite, está totalmente desligado dunha familia que se converte no impropio, mentres un firme e denso, enche o peito, estrica as pernas e ascende á súa verdadeira estatura. Todo isto intensifícase, cando un, a esa hora serodia da noite, vai visitar un amigo para ver como lle vai.

FRANK KAFKA. Praga, Imperio Austrohúngaro, 1883 - Kierling, Austria, 1924.

22/11/17

Unha cea familiar

Fugu[1] é un peixe capturado nas costas do Pacífico de Xapón. O peixe ten un significado especial para min desde que a miña nai morreu por comelo. O veleno reside nas glándulas sexuais do peixe, dentro de dúas bolsas fráxiles. Ao preparar o peixe, estas bolsas deben ser retiradas con precaución, xa que calquera torpeza permitirá que o veleno escape polas veas. Lamentablemente, non é doado afirmar se esta operación se levou a cabo con éxito ou non. A comprobación é, por dicilo así, no momento de xantar.
O envelenamento por Fugu é espantosamente doloroso e, case sempre, fatal. Se o peixe se ceou á noite, a vítima adoita espertar por mor da dor durante o sono. Reméxese en agonía algunhas horas e morre pola mañá. O peixe chegou a ser extremadamente popular en Xapón despois da guerra. Até que se impuxeron estritas regras, era un acontecemento realizar a perigosa operación de evisceración na propia cociña, e invitar a veciños e amigos para a festa.

No momento da morte da miña nai, eu estaba vivindo en California. A relación cos meus pais volvérase algo tensa nese período e, por conseguinte, non souben das circunstancias que rodeaban a súa morte até que regresei a Tokio dous anos despois.
Ao parecer, a miña nai sempre se negara a comer o fugu, pero, nesa ocasión, fixera unha excepción, logo de ser invitada por unha antiga amiga da escola, á cal estaba ansiosa por non ofender.
Foi o meu pai quen me proporcionou os detalles mentres conduciamos desde o aeroporto á súa casa no distrito de Kamakura[2]. Cando finalmente chegamos, estaba finalizando un asollado día de outono.
Xantaches no avión? preguntou meu pai. Estabamos sentados no piso tatami[3] da súa sala de té.
  Déronme unha merenda lixeira.
  Debes estar famento. Comeremos tan axiña como chegue Kikuko.
O meu pai era un home de aspecto formidable cunha gran mandíbula pétrea e furiosas cellas negras. Penso agora, en retrospectiva, que se parecía moito a Chou En Lai, aínda que el non aceptaría semellante comparación, pois estaba particularmente orgulloso do puro sangue de samurai[4] que corría na familia.


KAZUO ISHIGURO 



 SE QUERES LER O RELATO COMPLETO PREME AQUÍ


[1] Fugu: peixe globo, da familia dos tetraodóntidos, propio das zonas tropicais.
[2] Tatami: esteiras de tecido groso de esparto, vimbios ou palma  moi características das casas xaponesas, que se usaban para recubrir todo o piso nas habitacións máis destacadas.
[3] Samurái: guerreiro do antigo Xapón;  élite militar que gobernou o país durante séculos. A ética de honor samurai obrigábaos ao seppuku ou hara-kiri, suicidio ritual (evisceración provocada por un corte no ventre de esquerda a dereita) para evitar a vergoña da derrota, pagar por un erro grave ou acompañar ao seu señor na morte.

16/11/17

Nubes

Oh, nubes que polos ceos eternamente errades!
Longo colar de perlas voando na estepa azul,
exiliadas coma min, correndo cara ao sur,
lonxe do amado norte que, coma min, deixades!

Que vos impele? Un veredicto do Destino?
Algún oculto segredo? Un mal que se coñece?
Talvez cargades cun crime que envilece?
ou, de amigos velenosos un torpe desatino?

Non. Fuxides cansas da irmá e estéril terra;
as tristezas e as paixóns sonvos estrañas.
Eternamente libres vagades nas frías entrañas,
e ignorarades, sen patria, a dor que o exilio encerra.

Mijaíl  Lérmontov, (1814-1841).

Lérmontov: Poeta e pintor romántico ruso, de Moscova. A hostilidade contra o seu entorno cultural, manifestada no poema “A morte do poeta”, motivado pola morte do seu idolatrado Pushkin, ocasionoulle un duro desterro ao Cáucaso. “Nubes” é un dos seus poemas máis íntimos. 

15/11/17

O condutor borracho

Por un sinuoso camiño e a gran velocidade, un home bébedo conducía o seu carro. De súpeto, perdeu o control, saíu do traxecto e precipitouse contra unha charca fedorenta. Varias persoas, ao ver o accidente, correron ao lugar e axudaron a incorporarse ao condutor.
Este non podía ocultar a súa borracheira. e, entón, un dos seus auxiliadores díxolle:
—Pero, é que non leu vostede o famoso tratado de Naraín Gupta, onde se estende sobre os efectos prexudiciais do alcohol?
E o ebrio condutor, sen deixar de impar, tatexou: 
—Eu, eu... son... Naraín Gupta.

Conto tradicional hindú

O traxe novo do Emperador

Hai moitos anos, había un Emperador tan afeccionado aos traxes novos que gastaba todas as súas rendas en vestir coa máis suprema elegancia. Non se interesaba polos seus soldados, nin polo teatro, nin lle gustaba saír de paseo polo campo, a menos que fose para lucir os seus traxes novos. Tiña unha vestimenta distinta para cada hora do día, e do mesmo xeito que se di dun rei: “Está no Consello?”, do noso home dicíase: “O Emperador está no vestiario?”.
A cidade en que vivía o Emperador era moi leda e buliciosa e todos os días chegaban a ela moitísimos estranxeiros.
Unha vez, presentáronse dous truáns que se facían pasar por tecedores, asegurando que sabían tecer as máis marabillosas teas. Non soamente as cores e os debuxos eran fermosísimos, senón que as pezas con elas confeccionadas posuían a milagrosa virtude de ser invisibles a toda persoa que non fose apta para o seu cargo ou que fose irremediablemente estúpida.
—Deben ser vestidos magníficos! —pensou o Emperador—. Se os tivese, podería indagar que funcionarios do reino son ineptos para o cargo que ocupan. Podería distinguir entre os intelixentes e os parvos. Nada, que se poñan axiña a tecer a tea—. E mandou abonar aos dous pícaros un bo adianto en metálico, para que puxesen ao choio canto antes.
Eles montaron un tear e simularon que traballaban; pero non tiñan nada na máquina. Malia iso, fixéronse fornecer coas sedas máis finas e co ouro de mellor calidade, que se embolsaron gustosamente, mentres seguían facendo como que traballaban nos teares baleiros até moi entrada a noite.
«Gustaríame saber si avanzan coa tea»—, pensou o Emperador. Pero había unha cuestión que o tiña un tanto cohibido, a saber, que un home que fose estúpido ou inepto para o seu cargo non podería ver o que estaban tecendo. Non é que temese por si mesmo; sobre este punto estaba bastante tranquilo; pero, polo si ou polo non, prefería enviar primeiro a outro, para asegurarse de como andaban as cousas. Todos os habitantes da cidade estaban informados da particular virtude daquela tea, e todos estaban impacientes por ver até que punto o seu veciño era aparvado ou inepto.
«Enviarei ao meu Primeiro Ministro a que visite aos tecedores —pensou o Emperador—. É un home honrado e o máis indicado para xulgar das calidades da tea, pois ten talento, e non hai quen desempeñe o cargo como el».
O vello e digno Ministro presentouse, pois, na sala ocupada polos dous estafadores, os cales seguían traballando nos teares baleiros. «Deus nos valla! —pensou o Ministro para os seus adentros, abrindo uns ollos coma laranxas—. Pero se non vexo nada!». Con todo, non soltou palabra.
Os dous raposos rogáronlle que se achegase e preguntáronlle se non consideraba magníficos a cor e o debuxo. Sinalábanlle o tear baleiro, e o pobre home seguía cos ollos desencaixados, pero sen ver nada, posto que nada había. «Deus santo! —pensou—. Seica son parvo? Ninguén o cre, e ninguén ten que sabelo. É posible que eu sexa inútil para o cargo? Non, desde logo non podo dicir que non vin a tea».
—Que? Non di a Vosa Excelencia nada do tecido? —preguntou un dos tecedores.
—Oh, precioso, marabilloso! —respondeu o vello Ministro mirando a través dos lentes—. Que debuxo e que cores! Desde logo, direi ao Emperador que me gustou extraordinariamente.
—Dános unha boa alegría —responderon os dous teceláns, dándolle os nomes das cores e describíndolle o raro debuxo. O vello tivo bo coidado de quedarse as explicacións na memoria para poder repetilas ao Emperador; e así o fixo.
Os estafadores pediron entón máis diñeiro, máis seda e máis ouro, xa que o necesitaban para seguir tecendo. Todo foi a parar aos seus petos, pois nin un fío se empregou no tear; e eles continuaron, como antes, traballando nas máquinas baleiras.
Pouco despois, o Emperador enviou a outro alto funcionario da súa confianza a inspeccionar o estado da tea e informarse de se quedaría pronto lista. Ao segundo, ocorreulle o que ao primeiro; mirou e mirou..., pero como no tear non había nada, nada puido ver.
—Verdade que é unha tea fermosa? —preguntaron os dous tramposos, sinalando e explicando o precioso debuxo que non existía.
«Eu non son parvo —pensou o home—, e o emprego que teño non o solto. Sería moi molesto. É preciso que ninguén se dea conta». Así que se desfixo en loanzas da tea que non vía, e ponderou o seu entusiasmo por aquelas fermosas cores e aquel soberbio debuxo.
—É digno de admiración! —dixo ao Emperador.
Todos os moradores da capital falaban da magnífica tea, tanto, que o Emperador quixo vela cos seus propios ollos antes de que a sacasen do tear. Seguido dunha multitude de personaxes escolleitos, entre os cales figuraban os dous devanditos probos funcionarios, encamiñouse á casa onde paraban os pícaros, os cales continuaban tecendo con todas as súas forzas, aínda que sen fíos nin fiados.
—Verdade que é admirable? —preguntaron os dous honrados funcionarios—. Fíxese Vosa Maxestade nestas cores e estes debuxos —e sinalaban o tear baleiro, crendo que os demais vían a tea.
«Como! —pensou o Emperador—. Eu non vexo nada! Isto é terrible! Serei tan parvo? Seica non sirvo para emperador? Sería espantoso».
—Oh, si, é moi linda! —dixo—. Gústame, apróboa—. E cun xesto de agrado miraba o tear baleiro; non quería confesar que non vía nada.
Todos os compoñentes do seu séquito miraban e remiraban, pero ningún sacaba nada en limpo; mentres, todo era exclamar, como o Emperador: —oh, que bonito!—, e aconselláronlle que estrease os vestidos confeccionados con aquela tea na procesión que debía celebrarse proximamente. —É preciosa, elegantísima, estupenda!— corría na fala da xente, e todo o mundo parecía extasiado con ela.
O Emperador concedeu cadansúa condecoración aos dous canallas para que as prendesen no ollal, e nomeounos Tecedores Imperiais.
Durante toda a noite que precedeu ao día da festa, os dous raposeiros estiveron levantados, con dezaseis lámpadas acesas, para que a xente vise que traballaban activamente na confección dos novos vestidos do Soberano. Simularon quitar a tea do tear, cortala con grandes tesoiras e cosela con agullas sen fío; finalmente, dixeron: —Por fin, o vestido está listo!
Chegou o Emperador en compañía dos seus cabaleiros principais, e os dous tunantes, levantando os brazos coma se sostivesen algo, dixeron:
—Isto son os pantalóns. Aí está a casaca. Aquí teñen o manto. As pezas son lixeiras coma se fosen de tea de araña; un crería non levar nada sobre o corpo, mais precisamente isto é o bo da tea.
—Si! —asentiron todos os cortesáns, malia que non vían nada, pois nada había.
—Quere dignarse Vosa Maxestade quitarse o traxe que leva —dixeron os dous desvergonzados— para que podamos vestilo co novo diante do espello?
Quitou o Emperador as súas pezas, e os dous simularon poñerlle as diversas pezas do vestido novo, que dixeran remataren pouco antes. E collendo ao Emperador pola cintura, fixeron coma se lle atasen algo, a cola seguramente; e o Monarca todo era dar voltas ante o espello.
—Deus, e que ben lle senta, vaille estupendamente! —exclamaban todos—. Vaia deseño e vaia cores! É un traxe precioso!
—O palio baixo o cal irá A vosa Maxestade durante a procesión, agarda xa na rúa—anunciou o mestre de Cerimonias.
—Moi ben, estou a punto —dixo o Emperador—. Verdade que me senta ben? ? e volveuse unha vez máis de face ao espello, para que todos cresen que vía o vestido.
Os axudantes de cámara encargados de soster a cola baixaron as mans ao chan como para erguela, e avanzaron con ademán de soster algo no ar; por nada do mundo confesarían que non vían nada. E, deste xeito, botou a andar o Emperador baixo o magnífico palio, mentres o xentío, desde a rúa e as fiestras, exclamaba:
—Que preciosos son os vestidos novos do Emperador! Que magnífica cola! Que fermoso é todo!
Ninguén permitía que os demais se decatasen de que nada vía, para non ser tido por inepto no seu cargo ou por paspán. Ningún traxe do Monarca tivera tanto éxito como aquel.
—Pero... se non leva nada! —exclamou, de súpeto, un neno.
—Deus bendito, escoiten a voz da inocencia! —dixo o seu pai; e todo o mundo foise repetindo ao oído o que acababa de dicir o pequeno.
—Non leva nada; é un raparigo o que di que non leva nada!
—Pero se non leva nada! —gritou, finalmente, o pobo enteiro.
Aquilo desacougou ao Emperador, pois presentía que o pobo tiña razón; mais pensou: «Hai que aturar até o fin».


E seguiu máis fachendoso que antes; e os axudantes de cámara continuaron sostendo a inexistente cola.

Hans Christian Andersen


Hans Christian Andersen (1805-1875) foi un escritor e poeta danés, famoso polos seus contos para nenos, como O patiño feo, A sereíña, A raíña das neves, O soldadiño de chumbo...

21/05/17

O pan alleo

VARLAM T. SHALÁMOV
Aquel era un pan alleo, o pan do meu compañeiro. Este confiaba só en min. Ao compañeiro pasárono a traballar á quenda de día e o pan ficou comigo nun pequeno cofre ruso de madeira. Agora xa non se fan cofres así, en cambio nos anos vinte as raparigas presumían con eles, con aqueles maletíns deportivos, de pel de crocodilo artificial. No cofre gardaba o pan, unha ración de pan. Se sacudía a caixa, o pan removíase no interior. O bauliño atopábase baixo a miña cabeza. Non puiden durmir moito. O home famento dorme mal. Pero eu non durmía xustamente porque tiña o pan na miña cabeza, un pan alleo, o pan do meu compañeiro.
Sentei sobre a liteira... Tiven a impresión de que todos me ollaban, que todos sabían o que me propoñía facer. Pero o encargado de Día afanábase xunto á fiestra poñendo un parche sobre algo. Outro home, cun apelido que non lembro e que traballaba coma min na quenda de noite, naquel momento estaba a deitarse nunha liteira que non era a súa, no centro do barracón, cos pés dirixidos cara á cálida estufa de ferro. Aquela calor non chegaba até min. O home deitábase de costas, cara arriba. Achegueime a el, tiña os ollos pechados. Mirei cara ás liteiras superiores; alí nun recuncho do barracón, alguén durmía ou permanecía deitado cuberto por unha chea de farrapos. Deiteime de novo no meu lugar coa firme decisión de durmir.

Contei até mil e levanteime de novo. Abrín o baúl e extraín o pan. Era unha ración, unha barra de trescentos gramos, fría como un anaco de madeira. Achegueino en segredo ao nariz e o meu olfacto percibiu case imperceptiblemente cheiro a pan. Dei volta á caixa e deixei caer sobre a miña palma unas cantas faragullas. Lambín a man coa lingua, e a boca enchéuselleme no intre de saliva, as migallas fundíronse. Deixei de dubidar. Belisquei tres anaquiños de pan, pequenos coma a uña do maimiño, coloquei o pan no baúl e deiteime. Desfacía e chuchaba aquelas faragullas.
E durmín, orgulloso de non lle ter roubado o pan ao meu compañeiro.
r
VARLAM T. SHALÁMOV. Relatos de Kolymá (1978)

07/05/17

Renacemento

A primavera vén e cen riseiros pétalos nacen;
a primavera vai, e cen riseiros pétalos caen.
O meu ollos miran as cousas pasar;
a miña cabeza énchese de neboentas canas.
Mais cando a primavera pasa,
non todas as flores vas detrás dela.
Esta noite, diante da miña porta, 
floreceu unha póla de ameixeira.

MÃN GIAC (Vietnam,1052-1096)

06/05/17

O corpo

O corpo das persoas é coma o pestanexo dun lóstrego
que existe só para regresar á Nada,
coma un brote de primavera que murcha no outono.
Non invistas tempo pensando no proceso, pois non ten propósito;
Coma unhas pingas de orballo que pende na punta da herba,
así as nosas vidas aboian.


VAN HANH (Vietnam, morto en 1018)

01/03/17

Paseo nocturno


Cheguei á casa cargando o cartafol cheo de papeis, relatorios, estudos, investigacións, propostas, contratos. A miña muller, xogando un solitario na cama, cun vaso de whisky no velador, dixo, sen sacar os ollos das cartas, tes ar de canso. Os sons da casa: a miña filla no seu cuarto practicando impostación da voz, a música cuadrafónica do cuarto do meu fillo. Non vas soltar ese maletín? Preguntou a miña muller, saca esa roupa, bebe un whiskiño, necesitas aprender a relaxarte.

Fun para a biblioteca, o lugar da casa onde me gustaba estar illado e como sempre non fixen nada. Abrín o volume de pescudas sobre a mesa, non vía as letras nin os números, eu esperaba nada máis. Ti non paras de traballar, aposto que os teus socios non traballan nin a metade e gañan o mesmo, entrou a miña muller na sala cun vaso na man, xa podo mandar servir a cea?

A empregada servía á francesa, os meus fillos creceran, a miña muller e eu estabamos gordos. É aquel viño que che gusta, ela estalou a lingua con pracer. O meu fillo pediume diñeiro cando estabamos co café, a miña filla pediume diñeiro na hora do licor. A miña muller non pediu nada, nós tiñamos unha conta bancaria conxunta.
Imos dar unha volta no coche? Invitei. Eu sabía que ela non ía, era a hora do serial televisivo. Non sei que graza ten pasear en coche todas as noitesese coche custou unha fortunaten que ser usadoeu apégome menos aos bens materiais, respondeu a miña muller.

Os coches dos nenos bloqueaban a porta do garaxe, impedindo que eu sacase o meu coche. Saquei o coche dos dous, deixeinos na rúa, saquei o meu e deixeino na rúa, puxen os dous coches novamente no garaxe, pechei a porta, todas esas manobras deixáronme levemente irritado, pero ao ver os parachoques saíntes do meu coche, o reforzo especial dobre de aceiro cromado, sentín que o corazón batía rápido de euforia. Metín a chave no contacto, era un motor poderoso que xeraba a súa forza en silencio, escondido no capó aerodinámico. Saín, como sempre sen saber para onde ir, tiña que ser unha rúa deserta, nesta cidade que ten máis xente que moscas. Na Avenida Brasil, alí non podía ser, moito movemento. Cheguei a unha rúa mal iluminada, chea de árbores escuras, o lugar ideal. Home ou muller?, realmente non había gran diferenza, pero non aparecía ninguén en condicións, comecei a quedar un pouco tenso, iso sempre sucedía, até me gustaba, o alivio era maior. Entón vin á muller, podía ser ela, aínda que unha muller fose menos emocionante, por ser máis fácil. Ela camiñaba apresuradamente, levando un vulto de papel ordinario, cousas da panadería ou da tenda de legumes, estaba de saia e blusa, andaba rápido, había árbores na beirarrúa, de vinte en vinte metros, un interesante problema que esixía unha dose de pericia. Apaguei as luces do coche e acelerei. Ela só caeu na conta de que eu ía encima dela cando escoitou o son do caucho dos pneumáticos pegando na cuneta. Collín a muller por arriba dos xeonllos, ben no medio das dúas pernas, un pouco máis sobre a esquerda, un golpe perfecto, escoitei o ruído do impacto partindo os dous osos, desviei rápido á esquerda, un golpe perfecto, pasei como un foguete preto dunha árbore e escorreguei cos pneumáticos cantando, de volta ao asfalto. Motor bo, o meu, ía de cero a cen quilómetros en once segundos. Até puiden ver o corpo todo desconxuntado da muller que fora parar, avermellado, encima dun muro, deses baixiños de casa de suburbio.

Examinei o coche no garaxe. Pasei orgullosamente a man suavemente polo gardalamas, o parachoques sen marca. Poucas persoas, no mundo enteiro, igualaban a miña habilidade no uso desas máquinas.

A familia estaba vendo a televisión. Xa deches o teu paseíño, agora estás máis tranquilo?, preguntou a miña muller, deitada no sofá, mirando fixamente o vídeo. Vou durmir, boas noites  a todos, respondín, mañá vou ter un día horrible na compañía.

RUBEM FONSECA (Os melhores Contos Brasileiros de 1973. 1974)


Rubem Fonseca (1925) escritor e guionista brasileiro. O seu estilo agudo e mordaz valéronlle os máis destacados galardóns, como o Premio Camões (o máis destacado en portugués) ou o Juan Rulfo. Destacan nel o tratamento da crueldade, as situacións corrosivas nas que coloca os personaxes, os xiros de humor...

10/12/13

Pesadelo en verde

Espertou plenamente consciente da súa decisión: a grande decisión que tomara mentres repousaba a noite anterior, tentando durmir. Tería que matala sen afrouxarse, quería sentirse novamente coma un home, coma un home completo. Tería que ser firme no momento de pedirlle o divorcio á súa esposa ou todo se ía perder e nunca volvería a reunir o valor necesario para facelo. Agora vía claro que, xa desde o principio mesmo do seu matrimonio, ficaba inevitable que as cousas chegaran a este estado.

Estar casado cunha muller máis forte ca el, máis forte en todos os sentidos, non só era intolerable senón que o convertía progresivamente nun indefenso e débil rato. A súa muller podíalle gañar en todo o que facía. Unha atleta como era, podíalle derrotar con facilidade en tenis, en golf, en todo. Podía montar e patinar mellor ca el; guiar un automóbil con máis pericia. Experta en case todo, facíalle parecer un torpe xogador de póker, ao que xogaba como unha consumada profesional. E, o que aínda era peor, pouco a pouco ela colleu as rendas dos seus negocios e asuntos financeiros e levounos a unha prosperidade económica que el xamais podería nin imaxinar. Non existía unha soa faceta na que o seu ego, ou o pouco que del lle quedaba, non tivera sido lacerado e golpeado durante os anos do seu matrimonio.

Até agora. Até que Laura chegou. Doce, delicada e pequena. Laura estaba de visita na súa casa e era todo o contrario da súa esposa: Laura era fráxil e miúda, adorablemente indefensa e doce. Estaba tolo por ela e sabía que era a súa salvación. Ao casar con Laura, sería novamente un home. Estaba seguro de que casaría con el; tiña que facelo, era a súa única esperanza. Tiña que gañar, non importaba o que a súa esposa dixera ou fixera.

Bañouse e vestiuse rapidamente, temendo a próxima escena coa súa esposa, ansioso de afrontala co pouco valor que lle quedaba. Baixou as escaleiras e atopouna soa, almorzando na mesa. Ela levantou os ollos e comentou:
Bos días, meu. Laura rematou de almorzar, e saíu dar un paseo. Pedinlle que o fixera para poder falar contigo a soas...

Ben, pensou el sentando no lado oposto. A súa esposa notou o que lle ocorría e tratou de facilitar as cousas traendo o asunto a colación.

—William, quero divorciarme. Sei que isto será un golpe para ti, pero... Laura e eu estamos namoradas e imos marchar xuntas, lonxe de aquí.


FREDRIC BROWN. Pesadelos e Geezenstacks.

09/12/13

Poema ao meu irmán branco

Querido irmán branco:

Cando eu nacín, era negro.
Cando crecín, era negro.
Cando me dá o sol, son negro.
Cando estou doente, son negro.
Cando morra, serei negro.

E mentres tanto, ti, home branco,
Cando naciches, eras rosado.
Cando creciches, fuches branco.
Cando che dá o sol, es vermello.
Cando sentes frío, es azul.
Cando sentes medo, es verde.
Cando estás doente, es amarelo.
Cando morras, serás gris.

Entón, de nós os dous,
quen é un home de cor?

Léopold Sédar Senghor.