27/02/19

A Lotería. Shirley Jackson.


A MAÑÁ DO 27 DE XUÑO amañeceu clara e asollada, coa refrescante calor dun día de pleno verán; as flores abrocharan profusamente e a herba tiña un verdor intenso. Os habitantes do lugar empezaron a se congregar na praza, entre a oficina de correos e o banco, ao redor das dez da mañá; nalgunhas vilas había tanta xente que a lotería duraba dous días e tiña que comezar o día 26, pero naquela pequena poboación de apenas trescentas persoas, todo o proceso ocupaba un par de horas, de xeito que podía comezar ás dez da mañá e aínda ficaba tempo para os veciños volveren ás súas casas ao xantar.

Os nenos foron os primeiros en achegarse, por suposto. A escola acaba de pechar para as vacacións de verán e a sensación de liberdade producía axitación na maioría dos nenos; estes adoitaban formar grupos silenciosos por un tempo antes de botárense a xogar co seu barullo habitual. As súas conversas xiraban aínda sobre a clase e o profesor, os libros e os castigos. Bobby Martin xa enchera os petos con pedras e os outros rapaces seguiron o exemplo, seleccionando os seixos máis lisos e redondos. Bobby, Harry Jones e Dickie Delacroix –os veciños pronunciaban “Dellacroy”–acumularon finalmente unha gran morea de pedras nun recuncho da praza e protexérono das incursións dos outros cativos. As rapazas mantivéronse separadas, parolando entre elas, coa cabezas xiradas cara os nenos; mentres, os pícaros máis noviños xogaban coa terra ou collían as mans dos seus irmáns ou irmás maiores.
Axiña os homes comezaron a reunirse. Falaban de cultivos e choivas, de tractores e de impostos, mentres vixiaban os seus fillos. Formaron un grupo lonxe da morea de pedras do recuncho, e chanceaban en voz baixa, provocando máis sorrisos ca risadas. As mulleres, con vestidos de andar por casa e xerseis finos, chegaron pouco despois dos homes. Saudáronse e intercambiaron precipitados chismes antes de acercarse aos maridos. Logo, xunta a eles, puxéronse a chamar polos seus fillos, e os rapaces regresaron, de mala gana, despois da cuarta ou quinta convocatoria. 

PODES LER O CONTO COMPLETO NO SEGUINTE PDF (preme enriba).



22/01/19

O compoñedor de contos

Nella Marchesini, Father in the Study (1928)
Os que estragaban un conto bo ou escribían un cativo, enviábano a un compoñedor de contos. Este era un velliño calvo, de ollos moi vivos, que usaba uns anteollos pasados de moda, montados case na punta do nariz, e estaba detrás dun mostrador baixiño, cheo de poeirentos libros de contos de todas as idades e de todos os países.
A súa tenda tiña unha soa porta cara a rúa e el andaba sempre moi atarefado. Dos seus grandes libros tiraba inesgotablemente palabras belas e aínda frases enteiras, ou ben anacos de aventuras ou feitos prodixiosos que anotaba nun papel branco, e logo, con paciencia e amodo, ía engarzando eses materiais no conto roto. 
Cando remataba a compoñedura, líase o conto tan ben que semellaba outro.

Disto vivía o velliño e tiña que manter a súa muller, dez fillos ociosos, un can irlandés e dous gatos negros.
MARIANO SILVA Y ACEVES. De Campanitas de Plata (1925)


20/01/19

O albanel

Mestre de obra.— "Ollade eses bastións e eses contrafortes:
diríase que foron construídos para toda a eternidade".
SCHILLER, ”Guillerme Tell

O albanel Abraham Knupfer, co esparavel na man, nos ares do andamio, canta tan alto, ao ler os versos góticos da grande campá, que nivela cos seus pés a igrexa de trinta arcobotantes e a cidade das trinta igrexas.

Ve como as tarascas trousan auga desde as lousas ao abismo confuso das galerías; ve fiestras, pendentes, pináculos, torreóns, tellados e a madeirame, que a ala dentada e inmóbil dun falcón lixa cun punto gris.

Ve as fortificacións que se recortan en forma de estrela, a cidadela que se enfoncha como un pavo nun escudo de armas, os patios dos palacios onde o sol seca as fontes e os claustros dos mosteiros onde a sombra xira arredor das pilastras.

As tropas imperiais aloxáronse no arrabalde. Por alá, un cabaleiro tamborila. Abraham Knufer distingue o seu chapeu tricorne, cos seus cordóns de la vermella, a súa escarapela atravesada por un alamar e a súa cola atada cunha cinta.

Aínda ve algo máis, no parque engalanado con xigantescos ramallos, en extensos prados de esmeralda, uns soldados criban cos seus arcabuces un paxaro de madeira chantado na punta dun maio. 

E no serán, cando a nave harmoniosa da catedral adormece, deitada cos brazos en cruz, distingue desde a escada, no horizonte, una poboación incendiada por xentes de armas, flamexante como un cometa no firmamento.

ALOYSIUS BERTRANDGaspar de la Nuit (1842

08/01/19

Herdanza


Antes de pór o pendente frotou o metal que rodeaba o zafiro cun pauciño de algodón impregnado en líquido para limpar prata. Centos de estratos de tempo alzaron o voo deixando a superficie luminosa e espida. Achegouse, curiosa, e a xoia devolveulle a faciana adolescente da súa avoa probando o pendente ante un espello.


Paz Monserrat Revillo


Paz Monserrat Revillo (Tortosa, 1962), bióloga e profesora de Secundaria, foi galardoada en diversos certames polos seus relatos e microrrelatos.

20/12/18

Os cegos e o elefante

Había unha vez seis cegos que todos os días estaban sentados á beira dun camiño e vivían da caridade dos viandantes.

Un día oíron barullo de xente que pasaba polo camiño e preguntaron que estaba acontecendo. Unha muller contoulles que conducían un elefante para traballar nun bosque de alí cerca. A miúdo oíran falar dos elefantes, pero nunca viran un. Como ían poder, pois eran cegos?

Pediron á muller que os avisara cando o elefante se achegara, e, cando o fixo, os cegos saíron á estrada e chamaron ao dono. Pedíronlle que se detivese un momento para eles poderen ver o grande animal. No podían velo cos ollos, pero pensaron que se o tocaban coas mans poderían saber que aspecto tiña.

O primeiro pousou a man nun lateral do elefante. "Ben, ben –dixo–. Agora xa sei como é este animal: é idéntico a unha parede".

O segundo foi dar cun dos dous dentes incisivos que sobresaen da boca do elefante. “Irmán –dixo–. Estás equivocado. É redondo, liso e coa punta afiada. Asemella máis unha lanza ca calquera outra cousa“.

O terceiro agarrou a longa trompa do elefante. "Ambos os dous andades errados –dixo –. Calquera que teña dous dedos de fronte pode deducir que un elefante asemella unha gorda serpe".

O cuarto estendeu os brazos e chantounos arredor dunha das patas do elefante. "Oh, que cegos sodes! –dixo–. Para min está moi claro que é redondo e alto coma unha árbore".

O quinto home era moi alto e cadroulle agarrar unha das enormes orellas do elefante. “Mesmo sen ollos, deberiades poder ver que este animal non é como ningunha das cousas que nomeades –dixo–. Ten toda a pinta dun grande abano".

O sexto home, que era moi vello e lento, botou un tempo antes de poder atopar o elefante. Por fin, pillou o rabo do animal. "Oh, homes necios! –berrou–. Hoxe estades apaiolados. Este elefante nin asemella un muro, nin unha lanza, nin unha serpe nin unha árbore; e menos un abano. Calquera que o vexa debe sabelo: asemella unha corda".

Despois o elefante seguiu adiante. Os seis cegos sentaron á beira do camiño e botaron alí todo o día defendendo as súas opinións. Non se deron posto de acordo e chegaron a insultarse por teren percepcións diferentes. Todos e cada un crían saber a verdade, pero todos estaban errados porque só coñecían unha parte dela. As veces, tamén as persoas que teñen vista actúan coma parvos.

JAMES BALDWIN. The Blind Men and the Elephant. Versión dun conto tradicional hindú. 












James Baldwin (1924-1987) foi un escritor neoiorquino, activista polos dereitos civís. As súas novelas exploran os temas da identidade colectiva e denuncian as presións sociais contra negros e homosexuais.

19/12/18

O sentinela

Estaba empapado e enlamado e famento e aterecido a 50.000 anos luz da casa.

O sol alumaba cunha rara luz azul, e a gravidade -o dobre da que el estaba acostumado- dificultaba cada movemento.

Pero tras decenas de milleiros de anos, a guerra non cambiara. Para os pilotos do espazo era doada, coas súas relucentes astronaves e súas superarmas. Mais cando as naves tomaban terra, era o soldado de a pé, a infantaría, quen se tiña que apoderar do terreo, palmo a palmo, custase o sangue que custase. Xusto iso estaba acontecendo naquel maldito planeta, planeta dunha estrela da cal nin oíra falar até que lle fixeron poñer os pés nel. E agora era terreo sagrado porque os inimigos tamén estaban alí. Os outros, a única outra especie intelixente na Galaxia... monstros crueis, horrorosos e repulsivos.

O primeiro contacto fora cerca do centro da Galaxia; despois veu a lenta e difícil colonización duns doce mil planetas; unha guerra a primeira vista. Eles comezaran a disparar sen tentar negociar ou acordar a paz.

Agora loitaban planeta por planeta, nunha amarga guerra. 

Estaba empapado e enlamado e famento e aterecido; o día era cru, cun vento que mancaba os ollos. Pero o inimigo tentaba infiltrarse, e cada posto avanzado era vital. Mantíñase alerta, coa arma preparada. A 50.000 anos luz da súa casa, loitando nun mundo estraño e dubidando se viviría para volver ao fogar.

E entón viu que un daqueles seres viña arrastrándose cara a el. Apuntou e disparou. O inimigo deu ese un deses horribles e estraños gritos que eles daban e despois caeu inmóbil.

Ficou estremecido polo espectáculo que tiña diante. Debía poder acostumarse co tempo, mais el nunca puido. Esas criaturas eran tan repugnantes, con só dous brazos e dúas pernas, e aquela noxenta pel clara e sen escamas.

FREDRIC BROWN. Sentry (1954)

17/12/18

Carta do namorado


Hai novelas que, aínda que non son longas, non logran comezar de verdade até a páxina 50 ou a 60. A algunhas vidas sucédelles o mesmo. Por iso non me matei antes, señor xuíz.



JUAN JOSÉ MILLÁS. “Microrrelatos 01”. El País Semanal.

13/03/18

As dúas voces

As dúas voces medraran xuntas, a guitarra e Violeta Parra.

Cando unha chamaba, a outra viña.
A guitarra e ela ríanse, chorábanse, preguntábanse, críanse.
A guitarra tiña un buraco no peito.
Ela, tamén.
No día de hoxe de 1967, a guitarra chamou e Violeta non veu.
Nunca máis veu. 

 

 

EDUARDO GALEANO (De: “Los hijos de los días”)


 


EU


Eu,
remeira de barcas
rameira de homes
romeira de almas
rimeira de versos,
Ramona,
pra servilos.

GLORIA FUERTES

NACÍN PARA POETA OU PARA MORTO














Nacín para poeta ou para morto,
escollín o difícil
-sobrevivo de todos os naufraxios-,
e sigo cos meus versos,
viva e patexando.

Nacín para puta ou pallaso,
escollín o difícil
-facer rir aos clientes desafiuzados-,
e sigo cos meus trucos,
sacando unha pomba do refaixo.

Nacín para nada ou soldado,
e escollín o difícil
-non ser apenas nada no taboado-,
e sigo entre fusís e pistolas
sen manchar as mans. 

GLORIA FUERTES (1917-1998)

GOLEM E RABINO (IV)



-Non me obedezas! -ordenou o seu Amo ao perplexo Golem que, ansioso por cumprir a súa orde, a desobedeceu ao instante, amosándose aínda máis servil que de costume.

Ana María Shua

Artistas do trapecio



Non teñas medo, voará, herdou os nosos xenes, di o artista do trapecio. E desde o punto máis alto lanza á súa filla, un bebé aínda, polo ar, cara aos brazos da nai aterrada e infiel.

Ana María Shua

22/01/18

ESMAGAMENTO DAS GOTAS

Eu non sei, olla, é terrible como chove. Chove todo o tempo, por fóra tupido e gris, aquí contra o balcón con goteiróns calados e duros, que fan plaf e se esmagan como labazadas un detrás doutro, que fastío. Agora aparece unha pinguiña no alto do marco da fiestra, fica tremelicando contra o ceo que a esnaquiza en mil brillos apagados, vai crecendo e cambaléase, xa vai caer e non cae, aínda non cae.

Está prendida con todas as uñas, non quere caer e vese que se agarra cos dentes mentres lle medra a barriga, xa é unha gotaza que pendura maxestosa e, de súpeto, zup, alá vai, plaf, desfeita, nada, unha viscosidade no mármore.
Pero hainas que se suicidan e entréganse axiña, brotan no marco e aí mesmo tíranse, paréceme ver a vibración do salto, as súas perniñas desprendéndose e o grito que as emborracha nesa nada do caer e aniquilarse.

Tristes pingas, redondas inocentes pingas. Adeus pingas. Adeus.

JULIO CORTÁZAR. Historias de Cronopios e de Famas (1962).

CLARO QUE DOE

Claro que cando rebentan os brotes doe
Por que, se non, dubidaría a primavera?
Por que toda a nosa ardente arela
está
unida á xeada e amarga néboa?
O abrocho estivo envolto todo o inverno.
Que acontece agora? Algo que se consume e estala?
Claro que cando rebentan os
brotes doe,
doe o que crece
e o que o constrinxe.

Claro que é duro o caer das gotas,
trementes de ansiedade, prendidas penduran
ás
pólas da árbore; inchan, esvaran,
o peso púxaas
cara abaixo... Como se aferran!
Magoa a incerteza, o medo a se escindir,
magoa sentir o abismo que atrae e chama por ti,
e, aínda así, permanecer e estremecer.
Magoa querer quedar 
e querer caer.

Entón, cando todo magoa e nada axuda
a que os brotes das árbores xubilosos rebenten,
entón, cando xa ningún medo as retén,
as gotas das pólas caen relucentes,
esquecen que polo novo estaban asustadas
esquecen que pola viaxe estaban angustiadas,
e, nun segundo, senten a suprema seguranza,
descansan na confianza 
que creou o mundo.


Karin Boye, escritora sueca (1900-1941).

Autobiografía


Gloria Fuertes naceu en Madrid
aos dous días de idade,
pois foi moi laborioso o parto da miña nai
que
se se descoida morre por vivirme.
Aos tres anos xa sabía
ler
e aos seis xa sabía os meus labores.
Eu era boa e delgada,
alta e algo enferma.
Aos nove anos pilloume un carro
e aos catorce pilloume a guerra;
Aos quince morreu
a miña nai,
foise cando máis falta me facía.
Aprendín a regatear nas tendas
e a ir aos pobos por cenorias.
Por entón empecei cos amores,
-non digo nomes-,
grazas a iso, puiden aturar
a miña mocidade de barrio.
Quixen ir á guerra, para parala,
pero detivéronme a metade do camiño.
Logo saíume unha oficina,
onde traballo coma se fose parva,
-pero Deus e o mensaxeiro saben que non o
son-
Escribo polas noites
e vou ao campo moito.
Todos os meus morreron hai anos
e estou máis soa que eu mesma.
Publiquei versos en todos os calendarios,
escribo nun xornal de nenos,
e quero mercar a prazos unha flor natural
como as que lle dan a
Pemán algunhas veces.

Gloria Fuertes. Obras Incompletas (1980)

09/12/17

O PASEO REPENTINO (1913)

Cando un pola noite parece ter tomado a decisión definitiva de ficar na casa, puxo a bata, despois de cea sentou na mesa iluminada disposto a facer aquel traballo ou aquel pasatempo despois do cal un acotío vai durmir, cando fóra o tempo vai tan desapracible que o máis natural resulta quedar na casa, cando un botou quedo xa tanto tempo na mesa que irse provocaría o abraio de todos, cando xa a escada está escura e a porta da entrada fechada, e cando a pesar de todo iso, un, nunha excitación repetina, quita a bata, aparece decontado vestido para saír á rúa, explica que ten que saír e o fai despois dunha breve despedida, coidando en ter deixado unha maior ou unha menor irritación dada a rapidez coa que bate a porta da casa, cando un está de novo na rúa cos membros que responden cunha mobilidade especial por esa liberdade inesperada que lles conseguiu, cando un sente só por esa decisión que concentra en si mesmo toda a capacidade de decidir, cando un dando ao feito unha maior importancia do normal, dáse de conta que ten máis forza para provocar e soportar o máis rápido dos cambios, e cando un vai así alancando altivo polas rúas, entón un, por esa noite, está totalmente desligado dunha familia que se converte no impropio, mentres un firme e denso, enche o peito, estrica as pernas e ascende á súa verdadeira estatura. Todo isto intensifícase, cando un, a esa hora serodia da noite, vai visitar un amigo para ver como lle vai.

FRANK KAFKA. Praga, Imperio Austrohúngaro, 1883 - Kierling, Austria, 1924.

22/11/17

Unha cea familiar

Fugu[1] é un peixe capturado nas costas do Pacífico de Xapón. O peixe ten un significado especial para min desde que a miña nai morreu por comelo. O veleno reside nas glándulas sexuais do peixe, dentro de dúas bolsas fráxiles. Ao preparar o peixe, estas bolsas deben ser retiradas con precaución, xa que calquera torpeza permitirá que o veleno escape polas veas. Lamentablemente, non é doado afirmar se esta operación se levou a cabo con éxito ou non. A comprobación é, por dicilo así, no momento de xantar.
O envelenamento por Fugu é espantosamente doloroso e, case sempre, fatal. Se o peixe se ceou á noite, a vítima adoita espertar por mor da dor durante o sono. Reméxese en agonía algunhas horas e morre pola mañá. O peixe chegou a ser extremadamente popular en Xapón despois da guerra. Até que se impuxeron estritas regras, era un acontecemento realizar a perigosa operación de evisceración na propia cociña, e invitar a veciños e amigos para a festa.

No momento da morte da miña nai, eu estaba vivindo en California. A relación cos meus pais volvérase algo tensa nese período e, por conseguinte, non souben das circunstancias que rodeaban a súa morte até que regresei a Tokio dous anos despois.
Ao parecer, a miña nai sempre se negara a comer o fugu, pero, nesa ocasión, fixera unha excepción, logo de ser invitada por unha antiga amiga da escola, á cal estaba ansiosa por non ofender.
Foi o meu pai quen me proporcionou os detalles mentres conduciamos desde o aeroporto á súa casa no distrito de Kamakura[2]. Cando finalmente chegamos, estaba finalizando un asollado día de outono.
Xantaches no avión? preguntou meu pai. Estabamos sentados no piso tatami[3] da súa sala de té.
  Déronme unha merenda lixeira.
  Debes estar famento. Comeremos tan axiña como chegue Kikuko.
O meu pai era un home de aspecto formidable cunha gran mandíbula pétrea e furiosas cellas negras. Penso agora, en retrospectiva, que se parecía moito a Chou En Lai, aínda que el non aceptaría semellante comparación, pois estaba particularmente orgulloso do puro sangue de samurai[4] que corría na familia.


KAZUO ISHIGURO 



 SE QUERES LER O RELATO COMPLETO PREME AQUÍ


[1] Fugu: peixe globo, da familia dos tetraodóntidos, propio das zonas tropicais.
[2] Tatami: esteiras de tecido groso de esparto, vimbios ou palma  moi características das casas xaponesas, que se usaban para recubrir todo o piso nas habitacións máis destacadas.
[3] Samurái: guerreiro do antigo Xapón;  élite militar que gobernou o país durante séculos. A ética de honor samurai obrigábaos ao seppuku ou hara-kiri, suicidio ritual (evisceración provocada por un corte no ventre de esquerda a dereita) para evitar a vergoña da derrota, pagar por un erro grave ou acompañar ao seu señor na morte.

16/11/17

Nubes

Oh, nubes que polos ceos eternamente errades!
Longo colar de perlas voando na estepa azul,
exiliadas coma min, correndo cara ao sur,
lonxe do amado norte que, coma min, deixades!

Que vos impele? Un veredicto do Destino?
Algún oculto segredo? Un mal que se coñece?
Talvez cargades cun crime que envilece?
ou, de amigos velenosos un torpe desatino?

Non. Fuxides cansas da irmá e estéril terra;
as tristezas e as paixóns sonvos estrañas.
Eternamente libres vagades nas frías entrañas,
e ignorarades, sen patria, a dor que o exilio encerra.

Mijaíl  Lérmontov, (1814-1841).

Lérmontov: Poeta e pintor romántico ruso, de Moscova. A hostilidade contra o seu entorno cultural, manifestada no poema “A morte do poeta”, motivado pola morte do seu idolatrado Pushkin, ocasionoulle un duro desterro ao Cáucaso. “Nubes” é un dos seus poemas máis íntimos. 

15/11/17

O condutor borracho

Por un sinuoso camiño e a gran velocidade, un home bébedo conducía o seu carro. De súpeto, perdeu o control, saíu do traxecto e precipitouse contra unha charca fedorenta. Varias persoas, ao ver o accidente, correron ao lugar e axudaron a incorporarse ao condutor.
Este non podía ocultar a súa borracheira. e, entón, un dos seus auxiliadores díxolle:
—Pero, é que non leu vostede o famoso tratado de Naraín Gupta, onde se estende sobre os efectos prexudiciais do alcohol?
E o ebrio condutor, sen deixar de impar, tatexou: 
—Eu, eu... son... Naraín Gupta.

Conto tradicional hindú

O traxe novo do Emperador

Hai moitos anos, había un Emperador tan afeccionado aos traxes novos que gastaba todas as súas rendas en vestir coa máis suprema elegancia. Non se interesaba polos seus soldados, nin polo teatro, nin lle gustaba saír de paseo polo campo, a menos que fose para lucir os seus traxes novos. Tiña unha vestimenta distinta para cada hora do día, e do mesmo xeito que se di dun rei: “Está no Consello?”, do noso home dicíase: “O Emperador está no vestiario?”.
A cidade en que vivía o Emperador era moi leda e buliciosa e todos os días chegaban a ela moitísimos estranxeiros.
Unha vez, presentáronse dous truáns que se facían pasar por tecedores, asegurando que sabían tecer as máis marabillosas teas. Non soamente as cores e os debuxos eran fermosísimos, senón que as pezas con elas confeccionadas posuían a milagrosa virtude de ser invisibles a toda persoa que non fose apta para o seu cargo ou que fose irremediablemente estúpida.
—Deben ser vestidos magníficos! —pensou o Emperador—. Se os tivese, podería indagar que funcionarios do reino son ineptos para o cargo que ocupan. Podería distinguir entre os intelixentes e os parvos. Nada, que se poñan axiña a tecer a tea—. E mandou abonar aos dous pícaros un bo adianto en metálico, para que puxesen ao choio canto antes.
Eles montaron un tear e simularon que traballaban; pero non tiñan nada na máquina. Malia iso, fixéronse fornecer coas sedas máis finas e co ouro de mellor calidade, que se embolsaron gustosamente, mentres seguían facendo como que traballaban nos teares baleiros até moi entrada a noite.
«Gustaríame saber si avanzan coa tea»—, pensou o Emperador. Pero había unha cuestión que o tiña un tanto cohibido, a saber, que un home que fose estúpido ou inepto para o seu cargo non podería ver o que estaban tecendo. Non é que temese por si mesmo; sobre este punto estaba bastante tranquilo; pero, polo si ou polo non, prefería enviar primeiro a outro, para asegurarse de como andaban as cousas. Todos os habitantes da cidade estaban informados da particular virtude daquela tea, e todos estaban impacientes por ver até que punto o seu veciño era aparvado ou inepto.
«Enviarei ao meu Primeiro Ministro a que visite aos tecedores —pensou o Emperador—. É un home honrado e o máis indicado para xulgar das calidades da tea, pois ten talento, e non hai quen desempeñe o cargo como el».
O vello e digno Ministro presentouse, pois, na sala ocupada polos dous estafadores, os cales seguían traballando nos teares baleiros. «Deus nos valla! —pensou o Ministro para os seus adentros, abrindo uns ollos coma laranxas—. Pero se non vexo nada!». Con todo, non soltou palabra.
Os dous raposos rogáronlle que se achegase e preguntáronlle se non consideraba magníficos a cor e o debuxo. Sinalábanlle o tear baleiro, e o pobre home seguía cos ollos desencaixados, pero sen ver nada, posto que nada había. «Deus santo! —pensou—. Seica son parvo? Ninguén o cre, e ninguén ten que sabelo. É posible que eu sexa inútil para o cargo? Non, desde logo non podo dicir que non vin a tea».
—Que? Non di a Vosa Excelencia nada do tecido? —preguntou un dos tecedores.
—Oh, precioso, marabilloso! —respondeu o vello Ministro mirando a través dos lentes—. Que debuxo e que cores! Desde logo, direi ao Emperador que me gustou extraordinariamente.
—Dános unha boa alegría —responderon os dous teceláns, dándolle os nomes das cores e describíndolle o raro debuxo. O vello tivo bo coidado de quedarse as explicacións na memoria para poder repetilas ao Emperador; e así o fixo.
Os estafadores pediron entón máis diñeiro, máis seda e máis ouro, xa que o necesitaban para seguir tecendo. Todo foi a parar aos seus petos, pois nin un fío se empregou no tear; e eles continuaron, como antes, traballando nas máquinas baleiras.
Pouco despois, o Emperador enviou a outro alto funcionario da súa confianza a inspeccionar o estado da tea e informarse de se quedaría pronto lista. Ao segundo, ocorreulle o que ao primeiro; mirou e mirou..., pero como no tear non había nada, nada puido ver.
—Verdade que é unha tea fermosa? —preguntaron os dous tramposos, sinalando e explicando o precioso debuxo que non existía.
«Eu non son parvo —pensou o home—, e o emprego que teño non o solto. Sería moi molesto. É preciso que ninguén se dea conta». Así que se desfixo en loanzas da tea que non vía, e ponderou o seu entusiasmo por aquelas fermosas cores e aquel soberbio debuxo.
—É digno de admiración! —dixo ao Emperador.
Todos os moradores da capital falaban da magnífica tea, tanto, que o Emperador quixo vela cos seus propios ollos antes de que a sacasen do tear. Seguido dunha multitude de personaxes escolleitos, entre os cales figuraban os dous devanditos probos funcionarios, encamiñouse á casa onde paraban os pícaros, os cales continuaban tecendo con todas as súas forzas, aínda que sen fíos nin fiados.
—Verdade que é admirable? —preguntaron os dous honrados funcionarios—. Fíxese Vosa Maxestade nestas cores e estes debuxos —e sinalaban o tear baleiro, crendo que os demais vían a tea.
«Como! —pensou o Emperador—. Eu non vexo nada! Isto é terrible! Serei tan parvo? Seica non sirvo para emperador? Sería espantoso».
—Oh, si, é moi linda! —dixo—. Gústame, apróboa—. E cun xesto de agrado miraba o tear baleiro; non quería confesar que non vía nada.
Todos os compoñentes do seu séquito miraban e remiraban, pero ningún sacaba nada en limpo; mentres, todo era exclamar, como o Emperador: —oh, que bonito!—, e aconselláronlle que estrease os vestidos confeccionados con aquela tea na procesión que debía celebrarse proximamente. —É preciosa, elegantísima, estupenda!— corría na fala da xente, e todo o mundo parecía extasiado con ela.
O Emperador concedeu cadansúa condecoración aos dous canallas para que as prendesen no ollal, e nomeounos Tecedores Imperiais.
Durante toda a noite que precedeu ao día da festa, os dous raposeiros estiveron levantados, con dezaseis lámpadas acesas, para que a xente vise que traballaban activamente na confección dos novos vestidos do Soberano. Simularon quitar a tea do tear, cortala con grandes tesoiras e cosela con agullas sen fío; finalmente, dixeron: —Por fin, o vestido está listo!
Chegou o Emperador en compañía dos seus cabaleiros principais, e os dous tunantes, levantando os brazos coma se sostivesen algo, dixeron:
—Isto son os pantalóns. Aí está a casaca. Aquí teñen o manto. As pezas son lixeiras coma se fosen de tea de araña; un crería non levar nada sobre o corpo, mais precisamente isto é o bo da tea.
—Si! —asentiron todos os cortesáns, malia que non vían nada, pois nada había.
—Quere dignarse Vosa Maxestade quitarse o traxe que leva —dixeron os dous desvergonzados— para que podamos vestilo co novo diante do espello?
Quitou o Emperador as súas pezas, e os dous simularon poñerlle as diversas pezas do vestido novo, que dixeran remataren pouco antes. E collendo ao Emperador pola cintura, fixeron coma se lle atasen algo, a cola seguramente; e o Monarca todo era dar voltas ante o espello.
—Deus, e que ben lle senta, vaille estupendamente! —exclamaban todos—. Vaia deseño e vaia cores! É un traxe precioso!
—O palio baixo o cal irá A vosa Maxestade durante a procesión, agarda xa na rúa—anunciou o mestre de Cerimonias.
—Moi ben, estou a punto —dixo o Emperador—. Verdade que me senta ben? ? e volveuse unha vez máis de face ao espello, para que todos cresen que vía o vestido.
Os axudantes de cámara encargados de soster a cola baixaron as mans ao chan como para erguela, e avanzaron con ademán de soster algo no ar; por nada do mundo confesarían que non vían nada. E, deste xeito, botou a andar o Emperador baixo o magnífico palio, mentres o xentío, desde a rúa e as fiestras, exclamaba:
—Que preciosos son os vestidos novos do Emperador! Que magnífica cola! Que fermoso é todo!
Ninguén permitía que os demais se decatasen de que nada vía, para non ser tido por inepto no seu cargo ou por paspán. Ningún traxe do Monarca tivera tanto éxito como aquel.
—Pero... se non leva nada! —exclamou, de súpeto, un neno.
—Deus bendito, escoiten a voz da inocencia! —dixo o seu pai; e todo o mundo foise repetindo ao oído o que acababa de dicir o pequeno.
—Non leva nada; é un raparigo o que di que non leva nada!
—Pero se non leva nada! —gritou, finalmente, o pobo enteiro.
Aquilo desacougou ao Emperador, pois presentía que o pobo tiña razón; mais pensou: «Hai que aturar até o fin».


E seguiu máis fachendoso que antes; e os axudantes de cámara continuaron sostendo a inexistente cola.

Hans Christian Andersen


Hans Christian Andersen (1805-1875) foi un escritor e poeta danés, famoso polos seus contos para nenos, como O patiño feo, A sereíña, A raíña das neves, O soldadiño de chumbo...